Escoitar

O Pleno aproba a modificación das ordenanzas fiscais municipais

Cos votos favorables de PSdeG-PSOE e BNG e a abstención do PP, o Pleno da Corporación Municipal aprobou este luns a modificación das ordenanzas fiscais municipais de acordo co incremento do IPC de abril de 2006 a abril de 2007, que foi do 2,4%.

luns, 24 set 2007
1190639761pleno240907.jpg
Estas modificacións "de carácter social" foron defendidas pola concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, como "as primeiras dun período de catro anos" que agora comeza. Segundo explicou Díaz, o Goberno local completará a modificación das taxas con bonificacións no caso dalgunhas ordenanzas coas que buscará estender os beneficios sociais á maior porcentaxe posible de cidadáns, especialmente aos colectivos menos favorecidos.

Neste sentido, a concelleira salientou os beneficios fiscais que se aplicarán ás taxas da recollida do lixo, polos que estarán exentos do seu pagamento as familias con ingresos brutos anuais per cápita inferiores a 3.275 euros.

Doutra banda, Raquel Díaz incidiu na "reducción real" da presión fiscal no caso das taxas que se manteñen constantes, como as de licenzas de actividades, cemiterios, e matriculación nas escolas municipais de teatro e música.

En representación do BNG, María Méndez apoiou a modificación das ordenanzas fiscais ao considerala unha "aposta clara polo benestar social e pola mellora da calidade de vida dos máis desfavorecidos", que, na súa opinión, responde aos "principios de equidade" da política tributaria defendida polos nacionalistas.

Pola súa parte, o concelleiro do PP Javier Guerra afirmou que a modificación das ordenanzas fiscais "podería ter sido máis ambiciosa", dada a "boa situación da Facenda Municipal" e a maioría da que goza o actual Goberno local. Neste sentido, Guerra acusou a PSdeG-PSOE e BNG de "falta de proxecto de política fiscal e económica". O concelleiro popular engadiu que socialistas e nacionalistas poden apoiarse agora
nos "réditos dunha Facenda Municipal fortalecida" despois de tres anos de goberno do PP.

Mocións

Despois de tratar a suba das taxas, o Pleno da Corporación debateu un total de nove mocións presentadas polo PP. Todas foron aprobadas por unanimidade. En primeiro lugar, a que insta o Goberno municipal a executar de contado o contrato do novo mobiliario urbano, pola que tamén se reclama dos servizos municipais o rigoroso control á concesionaria na instalación dos elementos urbanos.

A proposta do PP o Pleno tamén instou o Goberno municipal a incluír no próximo orzamento municipal as partidas necesarias para a construción de tres centros cívicos en Finca Solita (Alcabre), Doutor Fleming (rúa Romil) e no Colexio Alemán (Coia).

Así mesmo, aprobáronse outras dúas mocións nas que se demanda do Goberno local a realización, no período máis breve posible, dun estudo de tráfico do contorno do Parque de Castrelos, e a posta en marcha e axilización dos trámites necesarios para a apertura da piscina cuberta de Valadares.
A Corporación aprobou que se remita ao presidente do Goberno de España e ao presidente da Xunta de Galicia un informe das necesidades e proxectos da cidade en materia de infraestructuras, equipamentos e outros asuntos de competencia estatal e autonómica, co obxectivo da súa inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2008.

Outra moción presentada polo PP ,e que se aprobou por unanimidade, fai referencia á construcción dos accesos a residencia da maiores da parroquia de Bembrive. Tamén acordouse " instar ao Ministerio de Fomento a remozar e mellorar a sinalización da cidade na súa entrada pola autovía das Rías Baixas, no enlace do aeroporto, na autoestrada de Baiona e avenida de Madrid, de xeito que chegar e moverse por Vigo sexa accesible e sinxelo para todos os que nos visitan."

Por ultimo o Pleno Municipal aprobou unha emenda ao punto 37 relativo á moción presentada polo grupo do PP sobre o IBI, no senso que se traslade á Federación Española de Municipios o interese do Concello de Vigo por participar no debate sobre a personalización do I.B.I. e que se adopte na citada Federación a personalización que se considere oportuna e instar ao Ministerio de Economía e Facenda a fin de que introduzan na próxima Lei de acompañamento aos Orzamentos Xerais do Estado do 2008 a reforma lexislativa necesaria da Lei Reguladora das Facendas Locais a fin de que se faculte en devandita norma aos Concellos para que poidan establecer tipos diferenciados no Imposto sobre Bens Inmobles e reducir ata o 50% a cota a pagar en función da capacidade económica da persoa propietaria.
Descargar todas as imaxes