Escoitar

Santiago Domínguez presenta as axudas do Plan de Calidade Turística

O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, presentou este martes as axudas para o desenvolvemento do Plan de Calidade Turística para comercios e asociacións durante 2007, aprobadas pola Xunta de Goberno Local o pasado 20 de agosto cun orzamento de 30.000 euros.

martes, 28 ago 2007
1188304331turismo280807.jpg
Os obxectivos desta iniciativa son fortalecer a imaxe turística de Vigo e apoiar as iniciativas de promoción de establecementos hoteleiros e asociacións de comerciantes. Para iso, a través do Plan de Calidade Turística o Concello subvencionará as actividades de dinamización cultural nas rúas, a creación de novos produtos turísticos, a edición de guías e folletos por parte dos establecementos, a dinamización das zonas comerciais durante o Nadal e a promoción da gastronomía local. Tamén serán subvencionables as medidas de supresión das barreiras idiomáticas para os turistas, a iluminación de edificios, a adquisición de mobiliario para terrazas e as obras de rehabilitación de fachadas.

As subvencións, dun máximo de 3.000 euros cada unha, poderán solicitarse ata o 1 de outubro. Domínguez adiantou que a Concellería de Turismo procurará ofrecer unha lista de solicitudes seleccionadas no prazo dunha semana a partir da data mencionada. En todo caso, o Concello ten ata o 15 de novembro como data límite para adoptar unha resolución.

O tenente de alcalde anunciou que a partir de "primeiros de setembro" a Concellería de Turismo porá a disposición dos interesados un teléfono de información sobre esta convocatoria, para aforrar desprazamentos ata o Concello.

Ademais, Domínguez sinalou que a intención do Goberno local é contar cun orzamento de cando menos 90.000 euros para a convocatoria de axudas do Plan de Calidade Turística de 2008.
Descargar todas as imaxes