Escoitar

O Concello preparará unha actuación global para a saída do Desafío Atlántico de Grandes Veleiros

O Concello fará fronte á saída desde o porto de Vigo do Desafío Atlántico de Grandes Veleiros 2009 cunha "actuación global", segundo anunciou o alcalde, Abel Caballero, despois do encontro que mantivo este mércores no seu despacho con Alberto Durán, representante desta regata anteriormente coñecida como Cutty Sark.

mércores, 22 ago 2007
1187785004desafio220807.jpg
Os veleiros do Desafío Atlántico estarán en Vigo do 30 de abril ao 3 de maio de 2009. Durante eses cinco días, e con motivo da saída da regata, espérase que a nosa cidade reciba a visita de cerca de un millón de persoas. Para que Vigo estea á altura deste evento, que segundo Caballero "supera con moito á Volvo Ocean Race", o Concello porá en marcha un sofisticado dispositivo no que participarán varios departamentos.

Así, a organización da saída do Desafío Atlántico centrarase, con carácter prioritario, nos aspectos de circulación, transportes e accesos ao porto, por un lado, e no control da seguridade e a atención a posibles emerxencias durante o evento, por outro. O Concello tamén se ocupará da organización de eventos sociais, deportivos e culturais ligados á saída da regata.

O alcalde sinalou a importancia da colaboración co Porto de Vigo nos diferentes aspectos da organización da saída do Desafío Atlántico. Neste sentido, adiantou que este tema estará sobre a mesa na súa próxima reunión co presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Paz, no mes de setembro.

En novembro, unha delegación viguesa viaxará a Liverpool para participar, xunto coas delegacións dos outros portos que acollerán a proba, nunha reunión na que se irán perfilando as pautas organizativas da regata, de cara a unha nova xuntanza na mesma cidade en 2008.

En canto á achega económica do Concello á organización do evento, Abel Caballero sinalou que "simplemente teremos que cumprir coas obrigas comprometidas". Estas obrigas supoñen o aboamento de 120.000 euros repartidos en catro anualidades, ás que haberá que engadir posteriormente outros 400.000 euros.

Despois da súa saída de Vigo o 3 de maio de 2009, o Desafío Atlántico pasará por Tenerife (do 14 ao 17 de maio), as Illas Bermudas (do 12 ao 15 de xuño), a localidade canadense de Halifax (do 16 ao 19 de xullo) e, finalmente, Belfast, en Irlanda do Norte (do 13 ao 16 de agosto).
Descargar todas as imaxes