Escoitar

O día 11 de marzo comeza a funcionar o billete de transferencia do autobús urbano

mércores, 27 feb 2002
imx1140.jpg
Autobús urbano
O concelleiro de Tráfico e Transportes, Xoaquín de Acosta, anunciou que o vindeiro luns 11 de marzo comezará a funcionar o billete de transferencia gratuíto no transporte público urbano. Os viaxeiros que cambien de autobús no seu percorrido e utilicen a tarxeta como medio de pago non terán que abonar o segundo traxecto.

Simultaneamente á posta en marcha do billete de transferencia entrarán en servicio dúas novas liñas circulares de autobuses urbanos. A C-3 substitúe ás liñas 1,2 e 3 e unirá Bouzas e Coia con Teis. Terá dúas variantes, unha partirá dende a igrexa de Bouzas e outra do cemiterio de Coia. En ámbolos casos circulará pola Gran Vía, a praza de España, Pizarro, a Travesía de Vigo, o alto da Encarnación, a Avda. de Galicia, Sanjurjo Badía, García Barbón, Pi y Margall e Tomás Alonso. Os autobuses farán este percorrido circular nos dous sentidos e pasarán os días laborables cunha frecuencia de 15 minutos, agás en Bouzas onde a frecuencia será de 30 minutos. Os domingos o percorrido ampliarase ata Samil.

A C-5 substituirá ás actuais liñas 6 e 18. Este autobús tamén irá dende Coia ata Teis pero por outra rota. Percorrerá a Avda. Ricardo Mella, a Florida, Camelias, López Mora, Pi y Margall, Policarpo Sanz, Colón, Urzaiz, Travesía de Vigo, Bos Aires, Sanjurjo Badía, García Barbón, Castelao, Estrada e Marín ata regresar ao Cemiterio de Coia. Estes circulares viaxarán tamén nos dous sentidos cunha frecuencia ao cruce de 15 minutos.

O día 11 tamén se realizará unha modificación na liña 31, que une o Hospital do Meixoeiro co cruce de S. Lorenzo pasando polos Canos. Neste caso o cambio afecta só aos horarios. A partir das 8:45 da mañá reducirá a frecuencia de paso de 45 a só 30 minutos.

Coa entrada en funcionamento destas dúas novas liñas circulares crearase un carril bus na rúa Pizarro que permitirá reducir notablemente o tempo de viaxe do transporte público dende a Travesía de Vigo ata a praza de España.
Descargar todas as imaxes