Escoitar

O alcalde presenta un plan de fomento da actividade empresarial na Mancomunidade

martes, 19 feb 2002
imx1110.jpg
Publicación
O alcalde, Lois Castrillo, o delegado da Zona Franca, Pablo Egerique, e o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, presentaron o Plan de Fomento da actividade emprendedora da Mancomunidade.

A partir da análise do número de persoas que visitan o Servicio de Asesoramento a Emprendedores (SAE) da Mancomunidade de Vigo pódese destacar que entre xaneiro de 1996 e decembro de 2000 pasaron 1.424 persoas interesadas en crear unha empresa propia. Un 35% delas chegou a pór en marcha o seu novo negocio.

Nestes catro anos, un total de 31.236 negocios (sociedades e autónomos) traballaron oficialmente no municipio de Vigo, sendo destacable que o 48% iniciou as súas actividades precisamente neste período, polo que se pode deducir que a xeración de empresas nestes anos foi importante.


Discurso do alcalde na presentación do estudio

En primeiro lugar, quero agradecer ás entidades presentes nesta mesa: Consorcio da Zona Franca, Caixanova e IGAPE, a súa implicación na confección deste plan que hoxe estamos presentando e que constitúe a primeira análise estatística que se fai do proceso da creación de empresas e a súa problemática na área da Mancomunidade de Vigo, e que é tamén a primeira proposta de actuacións en materia de creación de empresas que se formula a nivel local nunha zona tan importante economicamente como é a nosa.

A Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, dende o inicio das súas actividades, incluiu entre os seus obxectivos a posta en marcha de accións que puideran facilitar os procesos de creación de empresas e reducir os atrancos cos que se atopan as persoas que deciden emprender un negocio.

Nesta liña de traballo, ponse en funcionamento a finais do ano 1995 o Servicio de Asesoramento a Emprendedores (SAE), que hoxe en día é un servicio consolidado e compartido por todos os concellos da Mancomunidade de Vigo, e engloba todas aquelas actuacións destinadas ó desenvolvemento económico e empresarial impulsadas pola Mancomunidade. Neste servicio atendéronse ata a data de hoxe máis de 2.500 consultas de emprendedores e constituíronse coa axuda do mesmo unhas 225 pequenas empresas.

Neste periodo, de algo máis de 5 anos de funcionamento, a través do Servicio de Asesoramento a Emprendedores comprobamos que tan importante como apoiar a creación de novas empresas é artelllar instrumentos que faciliten a súa supervivencia no mercado durante os primeiros anos de actividade e que reduzan as altas taxas de fracaso empresarial que as estatísticas nos mostran que existen nesa etapa inicial.

Neste senso, o Servicio de Asesoramento a Emprendedores tamén atendeu durante os últimos anos consultas de 67 empresas que xa estaban constituídas pero que precisaban algún tipo de apoio, ademais de levar un seguimento máis ou menos continuo, en función da demanda, das empresas constituídas coa axuda dese servicio.

Por outra banda, tamén a través da experiencia destes últimos anos comprobamos que as actuacións illadas nesta materia, aínda cando son efectivas, non deixan de ser remendos en aspectos moi puntuais das fases da creación dunha empresa. O maior proveito acádase cando se establecen sistemas de coordenación, aínda que sexan de tipo informal entre as distintas administracións, organismos ou axentes, que interveñen no mesmo proceso.

A coordenación e o establecemento de políticas de promoción económica conxuntas non só permite obter mellores resultados: tamén supón unha eficiencia en canto a recursos, un aforro en custos e nos esforzos financieiros destinados polas distintas entidades públicas e tamén por outras entidades económico-sociais impulsoras do crecemento.

Desde esta perspectiva, se queremos mellorar e sacar o máximo beneficio dos instrumentos de apoio á creación e a consolidación de pequenas empresas, resulta imprescindible a participación e a implicación dos axentes locais máis activos no eido da promoción económica no territorio, así como a coordenación con outros organismos de carácter non local, como pode ser o IGAPE, a Consellería de Economía e Facenda ou a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, que asumen as principais competencias nese eido.

O “Plan de fomento da actividade emprendedora na Mancomunidade de Vigo”, que hoxe se presenta, é algo máis que un estudio estatístico: é unha análise do proceso da creación de empresas e a súa problemática na área metropolitana de Vigo.

Tamén constitúe un documento de partida, consensuado polos principais axentes locais de promoción económica na área, que é fundamental polo feito de incorporar medidas e instrumentos concretos de apoio que permitirán mellorar as posibilidades de éxito dos emprendedores na área metropolitana de Vigo.

Polo tanto quero aproveitar a ocasión para manifestar a disposición da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo e de todos os concellos que a integran para continuar neste camiño de colaboración co Consorcio da Zona Franca, Caixanova e IGAPE, coa finalidade de levar á práctica as ideas propostas no documento que hoxe presentamos, traducindo as mesmas en políticas locais concretas de apoio aos emprendedores co obxectivo último de mellorar o noso tecido empresarial e a correspondente xeración de emprego.

Quero rematar como principiei, agradecendo a participación neste proxecto do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Caixanova e IGAPE, e esperando que o acto de hoxe non sexa o peche dun convenio senón o punto de partida de futuras colaboracións.

Descargar todas as imaxes