Escoitar

O Concello dóalle a Cuba material de alumeado público

luns, 4 feb 2002
A Comisión de Goberno acordou hoxe realizar a doazón ao pobo cubano dunha partida de material eléctrico composta de 240 luminarias e 60 contadores monofásicos. Estes aparellos proceden de instalacións de alumeado municipal que foron renovadas recentemente para seren modernizadas. As novas normas europeas sobre este tipo de instalacións fan que ese material xa non teña utilidade na nosa cidade, pero pode ser empregado perfectamente noutros lugares. O Goberno municipal vaille entregar as luminarias e os contadores á Fundación Paz e Solidariedade para que as faga chegar a Cuba.


O Concello fará obras de mellora nas piscinas de Samil

O Goberno municipal aprobou o investimento de 110.336 euros, uns 19 millóns de pesetas, na renovación de todos os valados que circundan as piscinas de Samil. Tamén se colocarán novas duchas e se cambiará o valado da pista de automodelismo. Asemade, vaise colocar un valado de madeira no contorno da praia da Fonte como medida de seguridade.

A intención do Goberno municipal é a de ter realizadas estas obras antes da tempada de verán, para o que se dá inicio xa ao procedemento administrativo para a adquisición do material preciso.