Escoitar

O Goberno municipal adxudica a Caixanova a construción e explotación do Auditorio

A Xunta de Goberno Local confirmou hoxe luns a decisión adoptada pola Mesa de Contratación e adxudicou o contrato para a construción e explotación do Auditorio-Pazo de Congresos ao grupo de empresas liderado por Caixanova.

luns, 6 mar 2006
1141655529xunta060306.jpg
Unha vez que o Concello e o grupo adxudicatario asinen o contrato abriranse unha serie de prazos para a realización das obras de construción do Auditorio. Así, os proxectos arqueolóxico e básico deberán estar concluídos en catro meses, como tamén a demolición do edificio de Casa Mar, cuxo proxecto está xa finalizado. O proxecto de execución terá que ser levado a cabo en sete meses e recibir, ademais, a aprobación do Concello.

A oferta de Caixanova e dos seus socios, que foi considerada por José Manuel Figueroa como a mellor "no seu conxunto", contempla un orzamento de 85,7 millóns de euros. O Concello poderá usar as novas instalacións durante 30 días ao ano. Ademais, Caixanova ofrece unha redución de cinco millóns da achega do Concello e da Xunta ao orzamento da obra, así como transferencias do 65% ao Concello no caso de obter beneficios superiores en máis dun 10% aos beneficios máximos fixados.

Segundo afirmou o portavoz do Goberno municipal, José Manuel Figueroa, a adxudicación do Auditorio é "unha noticia moi boa", xa que dá via libre ao cumprimento dunha vella reclamación de Vigo.
Descargar todas as imaxes