Escoitar

O Concello adscríbese ó grupo de cidades europeas comprometidas coa mellora do medio ambiente

venres, 28 dec 2001
imx942.jpg
O Pleno da Corporación aprobou, por unanimidade, adscribirse ó grupo de cidades europeas cara a sustentabilidade mediante a sinatura da Carta de Aalborg, pola que o Concello iniciará o proceso de Axenda 21 Local co fin de dotar o municipio dunha ferramenta eficaz que permitirá adoptar políticas ambientais que harmonicen o desenvolvemento económico coa protección do medio.

O Concello, coa sinatura da Carta de Aalborg, adquirirá o compromiso de investir no capital natural, na súa conservación, no seu crecemento e nun uso menos intensivo e máis eficiente dos recursos naturais. Promoverá o uso do transporte público, investirá en abastecemento e saneamento, fomentará o uso de enerxías alternativas e incorporará no Pxom os elementos necesarios para un planeamento ecosistemático da xestión urbana.

Como punto de partida para o desenvolvemento e aplicación da Axenda 21 Local realizarase unha auditoría medioambiental que permitirá a identificación dos problemas ambientais e as súas causas e o establecemento de obxectivos e priorización de problemas. A interpretación posterior dos datos permitirá a elaboración do Plan de Acción Local, que conterá obxectivos, programas e proxectos concretos e a definición dun sistema de indicadores de seguimento que permitirá analizar os resultados conseguidos.

Como requisito fundamental para o desenvolvemento sustentable no municipio integraranse en tódolos programas de desenvolvemento económico as políticas medioambientais derivadas do proceso da Axenda 21 Local.


Aprobouse o proxecto Obradoiro Mar de Vigo 2

O Pleno aprobou, por unanimidade, o proxecto da Escola Obradoiro Mar de Vigo 2 elaborado pola Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego. Conta cun presuposto de 127 millóns de pesetas, dos que se solicitarán 105 á Consellería de Familia, Muller, Promoción de Emprego e Xuventude. O inicio está previsto para xuño de 2002 e a duración será de 18 meses.

As escolas obradoiro funcionan en Vigo desde hai 15 anos ofrecendo cualificación a persoas con dificultade de inserción laboral. En concreto, a escola Mar de Vigo púxose en marcha o pasado ano e promociona o valor etnográfico e a potencialidade turística da carpintería de ribeira. Tamén está prevista, para a vindeira edición, a elaboración de programas de dinamización turística e deportiva dentro desta escola obradoiro.


Aprobado o convenio expropiatorio coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Zamáns para a segunda fase da Cidade Universitaria

O Pleno ratificou a comparecencia suscrita entre o alcalde e o presidente da xunta rectora de montes veciñais en man común de Zamáns relativa á formalización do convenio expropiatorio da finca número 3 da segunda fase do proxecto de ampliación da Cidade Universitaria.

O convenio asinado recolle o compromiso do Concello de pagar o xusto prezo da parcela expropiada á entidade para ampliar o campus da Universidade de Vigo. O Concello abonaralle á Comunidade de Montes 965.752.200 pesetas nos próximos cinco anos. O primeiro prazo, 193.150.440 pesetas, incluirase nos presupostos municipais do próximo exercicio.

Descargar todas as imaxes