Escoitar

O Concello de Vigo aproba os presupostos máis altos da súa historia

venres, 28 dec 2001
imx941.jpg
Sesión plenaria
A Corporación municipal de Vigo aprobou os presupostos de 2002, os máis altos da súa historia. O Concello vigués vai manexar 28.154.936.031 ptas. (169.214.573,53 E)

Un dos aspectos máis salientables do orzamento é o capítulo de investimentos, que ascende a 4.388.076.225 ptas., máis do dobre ca o ano anterior. Por primeira vez os investimentos non se financiarán exclusivamente con cargo a operacións de débeda.

Boa parte deses cartos irán destinados a mellorar infraestructuras básicas da cidade. Gastaranse 1.157 millóns de pesetas en dotar de saneamento aquelas parroquias que aínda carecen del e máis de 160 millóns en obras de asfaltado de rúas e arranxo de beirarrúas. Outro aspecto ao que se lle prestará especial atención é o de humanización de barrios e acondicionamento de zonas verdes, apartado para o que se reservan ao redor de 200 millóns de pesetas.

O capítulo de investimentos reflicte a estratexia do goberno municipal de completar a rede de dotacións socioculturais da cidade. Así aparecen no documento importantes partidas para o Museo de Arte Contemporanea (356 millóns), a Casa das Palabras (1.000 millóns), o centro cívico e auditorio de Teis (57 millóns), o conservatorio de música (259 millóns), o polideportivo de Bouzas (57 millóns) ou o pazo de Congresos (307 millóns). Compre sinalar tamén o esforzo orzamentario realizado na mellora do transporte público, para o que en 2002 se consigna unha partida de 800 millóns de pesetas.

Os gastos municipais de persoal acadarán en 2002 a cantidade de 7.613.496.173 pesetas., un 2,7% máis ca o ano anterior. Con esa cantidade aténdense os compromisos recollidos no convenio en vigor. O gasto corrente ascende a 9.702.157.937 ptas., un 4,36% máis ca no anterior exercicio.
Descargar todas as imaxes