Escoitar

O alcalde concede a licencia para a construcción do centro de saúde do Barrio Histórico

xoves, 27 dec 2001
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, decidiu avocar as competencias delegadas no Consello da Xerencia de Urbanismo para conceder pola vía de urxencia a licencia de construcción do centro de saúde do Barrio Histórico. Esta dotación sanitaria ocupará o edificio número 7 da praza da Constitución unha vez remate o seu proceso de rehabilitación.

A urxencia na concesión da licencia vén determinada pola necesidade de que as obras de rehabilitación comecen canto antes para poder trasladar ao edificio da praza da Constitución as dependencias de atención primaria do barrio. Desa maneira poderán continuar os traballos previstos en Cánovas del Castillo dentro do proxecto “Abrir Vigo ao Mar”.

O proxecto de reforma do edificio que albergará o centro de saúde foi redactado polo arquitecto Alfonso Penela e supervisado pola Comisión de Seguimento do Plan Especial de Edificios a Conservar. O orzamento das obras é de 163.119.561 pesetas.