Escoitar

Begoña Acuña propón a creación dun Conservatorio de Danza en Vigo

A presidenta da Asociación Galega de Danza solicitoulle á alcaldesa a posibilidade de crear un conservatorio de Danza na cidade. Un dos lugares onde podería asentarse é na futura escola de Arte Dramático, xa que moitas das instalacións poderían ser compartidas.

luns, 1 ago 2005
1122897393danssa.jpg
Corina Porro recibiu hoxe á presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Danza, Begoña Acuña, que acudiu ao Concello para presentarlle á alcaldesa a Asociación, explicarlle o estado que vive a danza en Vigo e Galicia e para facerlle a proposta da creación dun conservatorio de danza na cidade.

Segundo Begoña Acuña a creación da Escola de Arte Dramático é unha boa ocasión para propoñer este Conservatorio de Danza, "que mesmo podería asentarse no mesmo lugar, xa que a infraestructura necesaria sería moi similar e poderían aproveitarse as instalacións, aínda que eso e tan só unha das posibles propostas", comentou a presidenta antes de falar coa alcaldesa.

A Asociación de Profesionais da Danza constituíuse no ano 2000 e conta coa súa sede e presidencia en Vigo. Na actualidade está formado por 45 socios, todos relacionados co mundo da danza, ben profesores, bailaríns, coreógrafos ou demais profesionais. A asociación tamén conta cun bo número de colaboradores ou simpatizantes, formado na súa maioría por estudantes que aínda non remataron os seus estudos.

Para Begoña Acuña a creación dun Conservatorio de danza é fundamental para servir ao sur de Galicia, xa que ata o momento tan só existen dou públicos en Galicia, un en Lugo, dependente da Deputación, e outro en A Coruña e "coa desaparición da ensinanza libre é preciso contar cun conservatorio en Pontevedra, xa que nenos de 12 anos non poden desprazarse tan lonxe a cursar os seus estudos", finalizou.
Descargar todas as imaxes