Escoitar

O IV Campus de Baloncesto promocionará este deporte entre nenos e mozos do 7 ao 14 de agosto

O Club Baloncesto Vigo organiza, co patrocinio do Concello, do Círculo Mercantil, Faro de Vigo e Caixanova, a IV edición do seu Campus de Basket, destinado a nenos e mozos nados entre 1988 e 1995 e que terá lugar na Cidade Deportiva do Círculo Mercantil do 7 ao 14 de agosto.

luns, 11 xul 2005
1121085410basket.jpeg
Os organizadores esperan que entre 40 e 50 nenos e mozos participen no Campus. Para o presidente do Club Baloncesto de Vigo, Tomás Lerma, o obxectivo é que "no seu tempo de lecer os rapaces poidan practicar algunha actividade deportiva e se pode ser o baloncesto, mellor".

O Campus dividirase nas categorías de alevíns, infantís, cadetes e júnior. As ensinanzas serán impartidas por un equipo de técnicos e xogadores de baloncesto de recoñecido prestixio.

Os participantes combinarán a adquisición de coñecementos técnicos e tácticos sobre este deporte coa práctica de actividades varias nas que gozar do seu tempo libre, como pode ser o baño na piscina. Así, a xornada comezará pola mañá cos adestramentos técnicos, aos que seguirán actividades de tempo libre, o almorzo, sesións de vídeo, actividades complementarias, novos adestramentos técnicos e a merenda, antes do regreso en autobús.

Cada participante recibirá equipación deportiva, un balón regulamentario, un informe técnico e un diploma. A inscrición pode formalizarse antes do día 10 de xullo nas instalacións do Círculo Mercantil, na rúa Príncipe (recepción). Para os socios do Círculo Mercantil ou xogadores do Club Baloncesto de Vigo o prezo da inscrición é de 140 euros. Para o resto, de 170 euros. Pódese obter máis información no número de teléfono 610 985 444.
Descargar todas as imaxes