Escoitar

A Escola Municipal de Danza celebra o seu 25 aniversario

Alumnos, ex alumnos, profesores e distintas personalidades entre elas a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, celebrarán o vindeiro xoves un festival de fin de curso que servirá tamén para conmemorar o 25 aniversario da escola.

mércores, 29 xuñ 2005
A alcaldesa de Vigo Corina Porro asistirá o vindeiro xoves á celebración do 25 aniversario da Fundación da Escola Municipal de Danza que terá lugar ás 20,30 horas na Praza do Rei. A Escola de Danza celebrará por un lado o final de curso cunha actuación e, por outro, o 25 aniversario ao que quere convidar a todos os antigos alumnos a participar.

A dirección e o equipo de mestres da escola Municipal agasallará aos antigos alumnos cunha medalla conmemorativa por formar parte destes 25 anos de traballo no mundo da tradición popular a través da danza e da música tradicional.

Durante o festival os 250 alumnos da Escola farán unha pequena demostración dos seus avances na danza e música tradicionais durante este curso. Ao final, os invitados pasarán á lonxa do Concello a tomar un refrixerio.

Nesta conmemoración do 25 aniversario da Escola Municipal de Danza asistirán alumnos de 4 a 65 anos da Escola Central e das distintas seccións, os alumnos do taller de danza e percusión tradicional para persoas maiores de 65 anos, o grupo principal da Escola, O Tarabelo, e o grupo de percusión O Cascarexo.

O programa consta de dous partes, unha primeira coa actuación dos alumnos da Escola de Danza nas distintas modalidades: muiñeira, pandeiro, xota, muiñeira de Redondela e muiñeira da terceira idade, rematando coa entrega de medallas a colaboradores, profesores, concelleiros e alcaldes.

A segunda parte continúa coa actuación dos alumnos da Escola de Danza: o grupo de percusión O Cascarexo, tocando as pezas "Es tan fuerte mi querer" e "Ai Maruxiña"; a Ribeirana, o Fandango Muradan, Pandeirada Vella, a muiñeira "O Tarabelo", a xota a terceira idade, e unha muiñeira final entre todos.