Escoitar

David Russell: virtuosismo á guitarra

xoves, 13 dec 2001
imx886.jpg
David Russell
O escocés David Russell é o protagonista do concerto do Festival Are More que se dedica, de forma monográfica, a grandes autores que compuxeron obras para guitarra clásica. Russell é un dos intérpretes deste instrumento que recibiu recoñecemento unánime de críticos de todo o mundo pola súa forma de interpretar e pola sensibilidade que imprime a cada unha das pezas. O seu virtuosismo converteuno nunha lenda entre os guitarristas clásicos.

Russell trasladouse de neno a Menorca onde recibiu de seu pai as primeiras leccións de guitarra. De aí xurdiu a súa afección por este instrumento. Para perfecciona-los seus coñecementos trasladouse, na idade adolescente, a Londres, onde obtivo durante dous anos consecutivos o premio Julian Bream. Tamén estudiou nos cursos de verano de “Música en Compostela, con José Tomás. Vinculado sempre a España e en especial a Vigo e a Galicia, foi o vencedor dos certames máis importantes de guitarra clásica que se celebran na xeografía hispana. O seu auténtico recoñecemento artístico chegoulle no ano 1997, cando foi nomeado membro da “Royal Academic of Music” de Londres.

Na actualidade realiza xiras constantes por distintos países europeos e americanos. As súas actuacións conseguen sempre un grande éxito. O mestre Andrés Segovia, despois de escoitar un dos seus concertos en Londres díxolle: “Felicítolle pola súa musicalidade e técnica da guitarra”.

Importantes compositores de todo o mundo escribiron obras para que el as interprete.

Russell xa actuou na primeira edición do Festival ARE MORE, hai un ano, en Vigo. No que ofrece nesta ocasión, fará as delicias do público con dúas partes perfectamente diferenciadas. Na primeira, interpretará obras de autores italianos de séculos pasados. Na segunda, dedicarase a algunhas das pezas dos grandes clásicos españois, como Joaquín Rodrigo ou Enrique Granados. O músico escocés será o protagonista dun recital en solitario no que quedará patente a súa mestría á hora de interpreta-la guitarra clásica.


BIOGRAFÍA

PROGRAMA

ENTRADAS





Descargar todas as imaxes