Escoitar

O Pleno do Concello aproba o inicio dunha campaña de divulgación da Constitución Europea

O Pleno do Concello celebrado esta mañá adoptou por unanimidade o acordo proposto polo grupo municipal do PSdeG-PSOE para iniciar unha campaña de divulgación da Constitución Europea. Outra das mocións aprobadas por todos os grupos políticos, presentada polo PG, insta o equipo de goberno a conseguir os apoios precisos para que os voos de baixo custo operen desde Peinador.

luns, 31 xan 2005
1107180304pleno.jpg
Todos os grupos políticos aprobaron no Pleno desta mañá a proposta do PSdeG-PSOE para que o Concello inicie unha campaña de divulgación da Constitución Europea, que será sometida a referendo o próximo 20 de febreiro. O acordo avoga por "difundir activamente a mensaxe europeísta" para incentivar a participación na consulta e impulsar, deste xeito, un novo modelo de civilización baseada na combinación de dereitos políticos, progreso económico e protección social". Ademais, a proposta reclama aos responsables políticos "absoluta lealdade a coherencia cos principios e obxectivos europeístas".

Outra das mocións aprobadas por unanimidade, presentada polo PG, insta o Concello a conseguir os apoios precisos para que os voos de baixo custo operen desde Vigo. Na defensa da súa proposta, Manoel Soto denunciou a "discriminación intolerable" que padece Vigo e culpou o PP desta situación. Pola súa banda, a concelleira do PP Lucía Molares dixo que o goberno municipal conta co "compromiso da Xunta de apoiar os voos de baixo custo aos tres aeroportos galegos".

Tamén resultaron aprobadas por todos os grupos políticos as mocións do BNG para o arranxo de deficiencias no colexio de educación especial Saladino Cortizo e nos aparcadoiros da Porta do Sol e da Praza de Portugal, así como a relativa á instalación dunha nova parada de autobuses da empresa ATSA na parroquia de Coruxo.

Así mesmo, o Pleno, a proposta do PSdeG-PSOE, decidiu pór en marcha un plan urxente de mantemento do Casco Vello e constituír de maneira inmediata o Consello Municipal Escolar de Vigo para que cumpra as funcións de asesoramento, consulta, proposta e información previstas no seu regulamento.

Fóra da orde do día, o BNG preguntou a qué vai ser finalmente destinado o edificio que aloxaba a antiga escola de hostalería, destino que a alcaldesa reservouse polo momento anque prometeu unha explicación no seu momento. O PSOE pediu máis accións en favor da integración dos discapacitados, principalmente encamiñadas á súa visibilización, así como unha boa repercusión dos Premios de Integración, proposta que contou coa complicidade da alcaldesa. Nas dúas últimas intervencións, o BNG solicitou unha revisión das bandas sonoras do final do túnel de Carrefour, que molestan aos veciños da Travesía de Vigo, e a comprobación do estado do aparcadoiro privado da Clínica de Fátima, ambas propostas atendidas pola alcaldesa que se comprometeu a indagar nelas.
Descargar todas as imaxes