Escoitar

Concello, Consorcio da Zona Franca e Instituto de Vivenda crearán un consorcio para a rehabilitación do casco vello

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou destinar unha achega anual de 18.100 euros para os gastos que se orixinan da saída das mulleres da Casa de Acollida.

luns, 31 xan 2005
A Xunta de Goberno Local celebrada hoxe tralo Pleno da Corporación tratou, entre outros puntos, do convenio interadministrativo entre o Consorcio da Zona Franca de Vigo, o Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Concello de Vigo para a creación dun consorcio que teña por obxecto a rehabilitación do casco vello de Vigo.

En virtude deste acordo o IGVS aportará a cantidade de 12 millóns de euros mediante entregas diñerarias ou de edificacións no prazo que vai entre 2005 e 2009. O Consorcio da Zona Franca aportará 15 millóns de euros, cantidade inversora que poderá ser recuperada no proceso de xestión ou adxudicación dos locais e vivendas resultantes e farase tamén en anualidades ata 2009. O Concello de Vigo, pola súa parte, aportará 3 millóns de euros en anualidades ata 2008.

No área de Benestar Social, acordouse o desenvolvemento dos programas e servizos que, en materia de drogodependencias non alcohólicas, realizará o Concello para o 2005 no marco do Plan Autonómico sobre Drogodependencias por parte da Unidade Asistencias "Cedro", solicitando a prórroga dos convenios subscritos o 2 de xaneiro e 30 de xullo de 2004 coas posibles actualizacións que se acorden.

A Xunta de Goberno Local aprobou autorizar o gasto anual de 18.100 euros para facer fronte aos gastos que se orixinan da saída das mulleres da Casa de Acollida de Mulleres Maltratadas. Estas persoas teñen, polo normal, numerosos obstáculos sociais para reconduci-las súas vidas e a finalidade destas axudas e que o fagan con plenas garantías ao menos no material.