Escoitar

2dTeis representarán a Vigo no Sonic Hip Hop Festival

DKT e Centinela son dous de Teis, ou como prefiren chamarse, 2dTeis. Acaban de ser elixidos entre unha multitude de aspirantes como o grupo que representará a Vigo no Sonic Hip Hop Festival mañá no pavillón de Coia.

martes, 28 dec 2004
1104245759hip.jpg
DKT e Centinela son 2dTeis e veñen, como o seu nome indica, de Teis, a canteira do Hip Hop vigués. A súa traxectoria musical, que rolda xa os seis anos, recibiu un empurrón hai uns días, cando decidiron presentarse ao concurso de maquetas no que se debía elixir o grupo que representará a Vigo no Sonic Hip Hop Festival. Non lles foi mal, pois despois dunha difícil decisión por parte do xurado resultaron gañadores entre unha multitude de participantes e obtiveron, ademais, un premio de 500 euros.

A concelleira de Xuventude, Lucía Molares, presentounos esta mañá no Concello e desexou que o Sonic Hip Hop Festival "ademais de ser un éxito lance este mozos á fama para que poidamos velos en máis ocasións". Lucía Molares salientou que 2dTeis actuarán "non como teloneiros senón nunha hora punta".

O Sonic Hip Hop Festival é o primeiro evento destas características que ten lugar en Vigo. Celebrarase mañá día 29 de decembro a partir das 18:30 no pavillón de Coia e contará coa presencia de Solo los Solo, Shotta, Juaninacka, Meko, Roty 340, Delahoja e o grupo de breakdance Black Shadows. Ademais, confirmouse a última hora a incorporación dos reputados breakers portugueses Momentum Crew.
Descargar todas as imaxes