Escoitar

A Xunta de Goberno aproba a concesión dunha subvención á Asociación DOA por 7.212 euros<br /> <br />

Dita Asociación, que traballa na acollida, orientación laboral e inserción social de diminuídos psíquicos atende a uns 60 mozos da cidade. A subvención vai destinada ao mantemento do local da entidade.

luns, 20 dec 2004
1103553202corina.jpg
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a concesión de subvención á Asociación de axuda aos enfermos psíquicos "DOA" en concepto de mantemento do centro sito na rúa Romil 84 para o ano 2004 por un importe de 7.212 euros. Esta entidade naceu en 1988 co fin de darlle acollida aos mozos con enfermidades mentais realizando atención psicolóxica, orientación laboral e desenvolvemento de conductas normalizadas. Na actualidade atende a máis de 60 mozos e mozas da cidade e desempeña accións únicas como a atención de día aos enfermos psíquicos.

Na área de Benestar Social, aceptáronse as subvencións concedidas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo para infravivenda rural. En Educación, a Xunta aprobou as bases do concurso de ideas para a elaboración e desenvolvemento dos programas educativos do Concello para os cursos comprendidos no período 2005 a 2007. O obxectivo prioritario deste concurso é o de impulsar aquelas iniciativas didáctico-pedagóxicas que fagan posible a mellora da calidade formativa da comunidade educativa e que poidan integrarse no proxecto educativo de centro (PEC), no proxecto curricular (PCC) ou nas programacións xerais anuais do centro e do departamento de educación.

A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de convenio de colaboración para a organización da Cabalgata de Reis con unha achega de 9.600 euros aos tres principais colectivos veciñais e culturais da cidade: a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, a Federación de Peñas Recreativas "El Olivo" e a Federación Veciñal "Eduardo Chao". O Concello aporta a cantidade indicada mentres que as entidades ceden o persoal auxiliar necesario para acadar un bo desenvolvemento deste evento, aproximadamente 200 persoas.

No apartado de Investimentos, a Xunta acordou aprobar a autoliquidación provisional do canon, presentada pola entidade Aqualia e correspondente ao período comprendido entre setembro de 2003 e febreiro de 2004 por un importe de 505.243,83 euros, que corresponde a un volume de facturación de 16.841.461 metros cúbicos. O acordo prevé tamén aprobar provisionalmente a liquidación de atrasos ou diferencias dende o inicio da concesión (xaneiro 1991) ata agosto de 2003, por un importe de 16.481,16 euros.

En relación á exposición "Bouzas-Vigo. Cen anos de unión", a Xunta de Goberno fixou un prezo de 9 euros para a venta ao público dos catálogos da exposición, que conteñen textos e fotografías seleccionadas.

Fora da orde do día, a Xunta tratou o tema da redacción dos proxectos de humanización do entorno da rúa Urzaiz, especialmente das rúas Gravina e Churruca por un importe de 300.000 euros.
Descargar todas as imaxes