Escoitar

A Xunta de Goberno aprobou a concesión de subvencións para a instalación de sistemas de seguridade en 58 taxis da cidade

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a concesión de axudas para a adquisición de sistemas de localización vía satélite a instalar nos taxis. As axudas supoñen o 30% do valor da instalación. A Xunta aprobou tamén a participación do Concello no Proxecto europeo Pagus para unha xestión urbanística sostible nos centros históricos das cidades.

martes, 7 dec 2004
1102429025xunta.jpg
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a concesión dunha subvención para a instalación de sistemas de seguimento e localización por satélite en 58 taxis da cidade. As axudas para a adquisición deste sistema de seguridade supoñen o 30 por cento do importe total da instalación, concédense por rigoroso orde de solicitude aos candidatos que cumpriron os requisitos esixidos, e chegan a esgotar a cantidade presupostada de 20.050,61 euros.

A Xunta aprobou tamén o proxecto de convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación "Raquel Chaves" para a realización dunha exposición do xoguete antigo no Museo "Quiñones de León". O convenio foi asinado hoxe mesmo durante a presentación da exposición e o Concello asumirá os custes do alugamento da exposición e a realización da montaxe, así como o material gráfico publicitario.

En materia de Urbanismo a Xunta de Goberno ratificou o interese do Concello en participar no "Proxecto Pagus" (Programa de Asistencia e Xestión Urbanística Sostible), financiado pola Comisión Europea e, en concreto, en dous dos seus eixes principais: a capacitación de recursos humanos en rehabilitación, e a accesibilidade e mobilidade de persoas e bens nos centros históricos.

O "Proxecto Pagus" é unha iniciativa OCR (Operación Cadro rexional) presentada pola Rexión italiana de Umbría, dedicada ao desenvolvemento de proxectos que teñan por obxectivo a mellora das condicións de vida nos centros históricos das rexións participantes. Téntase favorecer o desenvolvemento e conservación sostible dos centros históricos europeos de pequeno e mediano tamaño, mediante intervencións integradas de recalificación urbana e recuperación do patrimonio edificado, accións de mellora da accesibilidade física e mobilidade de persoas e bens e na posta en marcha, mediante a tecnoloxía informática, de servicios avanzados de información e asistencia aos habitantes dos centros históricos.

Fora da orde do día, a Xunta acordou nomear a Valdo Rivas xefe da asesoría xurídica do Goberno, segundo marca a lei das grandes cidades. Esta lei prevé a creación da figura do asesor xurídico da Alcaldía, e a libre asignación do cargo.
Descargar todas as imaxes