Escoitar

O I Congreso Internacional de Traducción e Política Editorial da Literatura Infantil e Xuvenil reivindica a figura, as veces escura pero necesaria, dos traductores na difusión da cultura

O Congreso será un punto de encontro entre os distintos axentes que participan en cada unha das fases da elaboración dunha obra, contará con personalidades da literatura e a traducción e constará de mesas de traballo e charlas didácticas.

martes, 16 nov 2004
1100615145traductor.jpg
O concelleiro Ignacio López-Chaves asistiu hoxe á presentación do I Congreso Internacional de Traducción e Política Editorial da Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia. Este evento de carácter internacional quere reunir a todos aqueles axentes que conflúen no proceso e no producto de traducción da literatura infantil e xuvenil: críticos, docentes, editores, escritores, ilustradores, investigadores, lectores, libreiros e traductores. Será no Auditorio do Centro Cultural Caixanova entre os días 18, 19 e 20 de novembro.

O congreso ten como obxectivo principal o de promocionar un espazo de encontro para o estudo e a reflexión dos investigadores sobre a complexidade do fenómeno da traducción literaria, postos en contacto directo cos editores, escritores e traductores das obras editadas nas diferentes linguas oficiais do Estado español. Con este I Conmgreso preténdese favorecer o intercambio de experiencias entre investigadores e os diferentes axentes que interactúan no proceso da traducción.

As sesións plenarias correrán a cargo dos investigadores especialistas na materia e que tamén participarán nas distintas mesas de traballo. O comité científico confórmano: Agustín Fernández Paz (escritor), Carlos Castilho Pais (UAL), Christiane Nord (UM), Dolores Vilavedra (USC), Fran Alonso (Edicións Xerais), Marilar Jiménez Aleixandre (USC), Pilar Sampedro (Gálix) e Xosé Antonio Neira Cruz (USC).

A estructura do Congreso responde basicamente a tres módulos coas súas correspondentes conferencias seguidas dunha mesa de traballo. As liñas temáticas de interese son tres:
1. Política editorial e traducción;
2. Criterios para traducir textos literarios infantís e xuvenís;
3. Traducción e creación de LIX.

Anque o contexto do Congreso é Galicia e o galego, tanto polo interese dos invitados como polos criterios do Comité promóvense achegas referidas a calquera lingua moderna. As linguas do congreso son alemán, catalán, euskera, español, francés, galego, inglés e portugués. A organización prevé que haxa servizo de interpretación cara ao español e o galego.
Descargar todas as imaxes

Máis información