Escoitar

Corina Porro asistiu á inauguración da nova biblioteca do MARCO

O novo servicio será gratuito e estará aberto ao público a partir de mañá.

luns, 15 nov 2004
1100535702biblio.jpg
Hoxe tivo lugar no Salón de Actos o acto de inauguración da Biblioteca-mediateca do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo que contou coa participación das seguintes persoalidades:
- Excma. Sra. Dª Corina Porro Martínez, Alcaldesa de Vigo e Presidenta da Fundación MARCO
- Ilma. Sra. Dª Carmen García Campelo, Directora Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Xunta de Galicia
- D. Guillermo Brea Vila, Director da Obra Social, Caixanova
- Dª Carlota Álvarez Basso, directora do MARCO
- Dª Nuria Barreras Viso, responsable do Dpto. de Documentación do MARCO

A inauguración da Biblioteca-mediateca do MARCO, que abre as súas portas ao público a partir de mañá, é resultado de dous anos de traballo e dun laborioso proceso de difusión para doazón e intercambio, definición da estrutura e do alcance bibliográfico, adquisición e subscricións, catalogación, equipamento e presentación dos fondos.

Os obxectivos da Biblioteca derívanse directamente dos fins da Fundación MARCO e do museo como centro de arte: produción de contidos de calidade, achegamento á cidadanía e creación de novos hábitos de consumo cultural. Neste sentido, enténdese a biblioteca como un lugar de comunicación dinámico e integrador, no que proporcionar información sexa o núcleo central do seu servizo. Tamén debe servir de soporte e posta en valor das actividades expositivas e didácticas do museo. Ademais, será un necesario apoio na formación de persoal especializado no eido da xestión cultural, obxectivo que se recolle no proxecto museístico.

A Biblioteca do MARCO conta na actualidade cun total de 3.580 volumes (entre libros, catálogos e soportes audiovisuais) dispoñibles en sala. Ademais da Biblioteca-mediateca propiamente dita, o servizo de Hemeroteca recibe habitualmente 61 publicacións periódicas, das que 9 proceden de Galicia, 33 de España e 19 do ámbito internacional.

A Biblioteca-mediateca está estruturada en diferentes seccións, todas elas cohesionadas por un denominador común: a cultura contemporánea e todas as súas manifestacións, con especial interese nas artes plásticas, o deseño e as artes audiovisuais.

Funcionamento e servicios

A Biblioteca/hemeroteca/mediateca reúne un fondo bibliográfico especializado en diversos campos da arte e a cultura actual: catálogos, monografías, audiovisuais e publicacións periódicas.

Conta con 32 postos de lectura e con 3 equipos informáticos para consulta "on-line" do catálogo, navegación web (dentro dos eidos relacionados con este servizo) e reprodución multimedia. Ademais, existen dúas salas anexas, específicas para visionado de audiovisuais, cada unha delas para dous usuarios.

A Biblioteca é un servizo gratuíto que funciona na modalidade de consulta en sala dos fondos da biblioteca/hemeroteca/mediateca. Está aberto a investigadores e artistas, pero tamén a todo o público interesado na arte actual. Non existe servizo de préstamo domiciliario e non está permitido sacar os fondos do recinto físico da sala de consulta.
1100535702biblio.jpg
1100535752cortebiblio.jpg
Descargar todas as imaxes