Escoitar

Corina Porro acudiu á presentación da soprano María Bayo, que actuará mañá no Festival "Are More"

A soprano afirmou sentirse feliz de actuar en Vigo, onde sinte a complicidade do público, e adiantou que no seu repertorio haberá maioría de compositores españois, ademais de arias antigas barrocas e temas de Mozart.

xoves, 11 nov 2004
1100183640are.jpg
A alcaldesa Corina Porro e mailo concelleiro Ignacio López-Chaves acudiron hoxe á presentación da actuación da soprano María Bayo no Festival de Música de Vigo "Are More". A presentación foi un cruce de palabras de admiración cara á soprano, que foi incluída polo director do festival, Roberto Relova, no gran trío de voces da lírica mundial, xunto con Alfredo Kraus e Teresa Berganza. A alcaldesa sumouse aos afagos afirmando "o Are More es ti".

Corina Porro situou a Vigo como o icono da vangarda e a modernidade. "A filosofía desta cidade- dixo- a finalidade de tódalas actuacións urbanísticas e de infraestructuras están pensadas por e para as persoas". Segundo a alcaldesa esta idea non podería entenderse sen unha aposta clara pola cultura e nese punto, o festival "Are More" e a presencia de María Bayo teñen "unha transcendencia importantísima".

María Bayo agradeceu toda a amabilidade e a admiración dos poñentes resaltando a importancia que ten nun Concello como o de Vigo a aposta pola cultura, que se servise de exemplo a gran escala "serviría para resolver tantos conflictos a nivel mundial", dixo. Así mesmo, felicitou á organización polo programa, que pode resultar tan interesante buscando boas colaboracións sen necesidade de inverter un presuposto desorbitado.

A soprano tivo tamén palabras de eloxio para o público vigués, que coñeceu nunha anterior participación no "Are More" e explicou que cando un sae ao escenario sempre hai algo especial, que é a complicidade co público. "Esto é o que sentín cando estiven aquí, en Vigo", comentou María Bayo, que quixo resaltar as magníficas condicións acústicas do Teatro Fraga, onde chegou a gravar un disco.

En canto ao seu repertorio, María Bayo adiantou que haberá representación de moitos compositores españois, como Vicente Martín e Soler e Antonio Rodríguez de Hita na primeira parte e Enrique Granados, Óscar Esplá e Xavier Montsalvatge na segunda; arias antigas barrocas e algún tema do seu favorito, W. Amadeus Mozart.
Descargar todas as imaxes