Escoitar

Vigo participará na campaña da prevención das drogodependencias no ámbito laboral

O Concello de Vigo súmase á campaña de prevención dos problemas relacionados co alcohol dirixida aos sectores do mar e do transporte urbano de viaxeiros e que promove o Ministerio do Interior a través da delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas. Con tal motivo está convocada unha reunión o día 28 de xaneiro en Madrid cos técnicos responsables das cidades que se suman á campaña. Unha técnico da concellería de Mobilidade e Seguridade do Concello de Vigo asistirá á xuntanza .

luns, 26 xan 2004
Tratase da segunda edición da campaña , que se amplía a novas cidades e portos, e está dirixida aos traballadores do sector do Mar e do Transporte urbano de viaxeiros para favorecer a toma de conciencia sobre os riscos e danos ocasionados polo consumo abusivo de alcohol. A campaña está impulsada pola Comisión Nacional de Prevención das drogodependencias no ámbito laboral . Esta Comisión é un organismo constituído pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, os sindicatos CC.OO. e UXT e a CEOE. A finalidade da Comisión é "estimular e orientar os programas informativos, preventivos e de apoio asistencial que, no ámbito do Plan Nacional sobre drogas poidan realizarse, destinados á diminución e corrección das consecuencias do consumo de drogas legais e ilegais nese ámbito".

Segundo diferentes estudios realizados, na poboación laboral existe una maior prevalencia dos consumos de drogas que na poboación xeral. Dentro destes consumos e dos problemas asociados, o principal o constitúe o abuso de alcohol, que algunhas enquisas sitúan nun 15 % desta poboación ( arredor de 1.900.000 traballadores). Asómesmo os custes do impacto de abuso de alcohol sobre o sistema productivo son moi elevados, con estimacións que chegan a máis de 2.404,05 millóns de euros, entre baixa productividade e custes sanitarios como consecuencia da accidentabilidade laboral.

Á vista dos datos, a Comisión Nacional para a Prevención e o Tratamento das Drogodependencias no ámbito Laboral decidiu , de acordo coas súas competencias, realizar unha campaña de prevención centrada nesta problemática. A primeira edición de campaña, realizada no ano 2000, chegou a un total de 18.942 traballadores do sector da mar e 24.746 do sector do transporte urbano.

A cidade de Vigo está incluída na segunda edición da campaña do sector do transporte xunto coas cidades de Córdoba, Granada, Cádiz, Xixón, Santander, Valladolid, Toledo, Albacete, Ciudad Real, Badalona, A Coruña, Badajoz, Logroño, Murcia e Alacante.