Escoitar

Os vigueses aforrarán 9 euros no recibo do lixo das súas vivendas no 2004

Os cidadáns van aforrar un 11,8 por cento, cantidade que corresponde a 8,97 euros, no recibo do lixo das súas vivendas o vindeiro ano. Segundo acordou hoxe o Pleno da Corporación, os vigueses pagarán perto dun 12 por cento menos nos recibos para o ano 2004 con respecto a proposta do anterior goberno socialista. O acordo afecta tamén ó recibo do lixo que pagan os establecementos comerciais e as industriais, así coma ó pago do lixo nos pozos negros e fosas sépticas. Neste último se aforrarán un 21 por cento.

luns, 29 dec 2003
O Pleno da Corporación acordou tamén a suba dos impostos e taxas municipais proposta polo Goberno do PP, dun 2,7 por cento, correspondente ó IPC. A suba do 2,7 afecta tamén ás tarifas de auto-taxi. Esta suba supón 0,4 décimas menos que a proposta do anterior goberno socialista.

Aprobouse ademais a revisión de tarifas do servicio público regular do transporte, que suporá a gratuidade do autobús para os pensionistas tipo 1 e a suba de 4 céntimos de euro do billete do autobús, segundo a fórmula polinómica que establece o prego de condicións.

Ademais, o pleno deu luz verde ó programa de medidas urxentes para a axilización da tramitación de expedientes na Xerencia Municipal de Urbanismo, así coma á proposta da Alcaldía para a modificación de dedicacións e retribucións dos concelleiros e persoal eventual da Alcaldía e grupos políticos.