Escoitar

Abel Caballero denuncia o desmantelamento da sanidade pública pola xestión da Xunta

Abel Caballero expresou este mércores o seu apoio aos especialistas en Radioloxía, que desde o luns manteñen unha folga indefinida, participando na concentración convocada no Hospital Álvaro Cunqueiro para reclamar a ampliación do persoal nas gardas co que rebaixar a presión asistencial e as listas de espera. “Tedes razón no que expoñedes”, afirmou ao demandar ao Sergas que resolva de forma “inmediata” a situación do servizo de Radioloxía “porque cada día que pasa é un día malo para a saúde desta cidade e para a atención sanitaria óptima que realizades”.

mércores, 8 out 2025

O alcalde denunciou hoxe a desatención da Xunta ás necesidades da atención sanitaria pública de Vigo. “Está a desmantelar a sanidade pública de Vigo e permite unha deterioración que de ningún modo tiña que producirse”, afirmou.

Caballero remarcou que entre os indicativos da situación da sanidade pública atópase a folga indefinida iniciada este luns pola maioría dos radiólogos do Sergas. A isto suma as protestas pola apertura do centro Olimpia Valencia á conta do peche do Nicolás Peña, así como da concentración de médicos, especialmente dos pediatras de Coia, Pintor Colmeiro e Nicolás Peña, sen que estean previstas novas contratacións.

O alcalde sinalou que os médicos denuncian a sobrecarga de traballo tanto en Atención Primaria, así como a infradotación en PACs xa que en Vigo só existe un centro na rúa Pizarro que xera unha presión “insoportable” aos seu persoal. A listaxe de déficits inclúe os medios de atención para a saúde mental. 

Listas de espera

Segundo os datos oficiais do Sergas, a 31 de decembro de 2024, ascendían a 11.362 as persoas pendentes dunha cirurxía; 38.739 agardaban unha consulta externa e 23.599 estaban á espera dunha proba diagnóstica. “En total, 73.700 persoas en lista de espera nestas tres área. Un escándalo”, apuntou Caballero.

O rexedor lembrou que a Xunta, que asumiu un sobrecusto de 470 millóns do Hospital Álvaro Cunqueiro, tamén se opón a que a Universidade de Vigo conte cunha facultade de Medicina e a que sexa sede do exame MIR.

Descargar todas as imaxes