Escoitar

O alcalde visita a montaxe do Marisquiño

O rexedor destacou que o evento, que este ano cumpre o seu 25 aniversario, está “financiado practicamente na súa totalidade polo Concello”.

martes, 5 ago 2025

Abel Caballero acompañado da tenente de alcalde, Carmela Silva, o Delegado do Consorcio da Zona Franca, David Regades, e a organización do evento, achegouse esta mañá ata a zona de Samil, onde se instalará a práctica totalidade do festival O Marisquiño. O evento que cumpre este ano o seu 25 aniversario, celebrarase do 7 ao 10 de agosto, e conta cunha achega municipal de 1.342.000 euros.

“O Marisquiño é o festival de deporte urbano máis importante do mundo”, explicou o rexedor, sinalando que se trata dunha cita consolidada e recoñecida internacionalmente que este ano presenta varias novidades: 

  • O descenso urbano, unha das estrelas do festival de Vigo e unha das probas favoritas do público, sairá desde o pé da Fortaleza do Castro pero terá un novo e espectacular final no Centro Comercial A Laxe
  • A volta do Freestyle Motocrós (FMX) é unha das novidades desta edición. O público será o encargado de elixir en cada rolda os mellores saltos e o que reúna máis vitorias durante os dous días será o gañador final da proba
  • Este ano trasládase o Basket 3x3 desde a zona do Porto a Samil

Na parte musical, nesta edición contará cunha das programacións musicais máis importantes da súa historia, na que a gran novidade é un dobre escenario musical. Un deles estará dedicado a sons urbanos e o outro escenario acollerá sons electrónicos e contará só con artistas femininas. Destaca o concerto da portorriqueña Villano Antillano, artista que revolucionou o xénero urbano coa súa colaboración con Bizarrap, que a catapultou ao Top 50 Global de Spotify.

 

Descargar todas as imaxes