O Concello pon en marcha un programa de apoio ás entidades sin ánimo de lucro vencelladas ao voluntariado

A Concellería de Participación Cidadá ven de poñer en marcha o programa “Voluntariado para apoio na realización de actividades en asociacións” que ten por obxectivo establecer pautas de colaboración entre asociacións de Vigo e a Oficiña Municipal de Voluntariado. A Concellería quere apoiar ás entidades sen ánimo de lucro que, para a execución de determinadas actividades vencelladas ao ámbito do voluntariado, poidan precisar de colaboración.

luns, 24 nov 2003
A Oficiña Municipal de Voluntariado anima ás asociacións que así o desexen a presentar as súas propostas ata o día 15 de decembro, e con ese propósito a Concellería ofrece información a todas aquelas entidades que se interesen no proxecto e cumpran os requisitos necesarios. Entre estes condicionantes previos destaca o feito de que a asociación debe estar dada de alta no Rexistro de Asociacións de Participación Cidadá e que debe desenvolver programas de voluntariado no marco das áreas de interese xeral: servicios sociais, saúde, protección civil, medio ambiente, educación, cultura ou calquera outra que responda á natureza e fins da actuación do voluntariado.

Deste xeito e sempre dentro do Plan Municipal de Voluntariado, preténdese apoiar actividades enmarcadas na mellora do medio rural, actividades cívicas, culturais, educativas, deportivas, terceira idade....... Este programa enmárcase na Lei autonómica de voluntariado, que permite aos concellos a exercer libremente a súa iniciativa no seu ámbito local, para favorecer o desenvolvemento de toda clase de actuacións e prestar cantos servicios contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da nosa comunidade veciñal.