Abel Caballero esixe explicacións á RFEF sobre a alteración dos puntos que descartou a Balaídos como sede do Mundial 2030
O alcalde acusa á Federación Española de Fútbol de “opacidade e escurantismo” ao coñecerse que o primeiro informe de clasificación das sedes foi “manipulado” deixando fóra a Vigo, segundo unha información xornalística publicada este luns.

Caballero referiuse este luns á publicación dun artigo no xornal “El Mundo” que recolle que “a Federación Española manipuló las puntuaciones de las sedes del Mundial 2030 para dejar fuera a Vigo y meter Anoeta. Confeccionó una primera versión que incluía a la ciudad gallega y 48 horas después la manipuló y coló a Anoeta”.
“Hoxe sabemos que houbo un primeiro listado que saíu do comité técnico avaliador -das sedes do Mundial de Fútbol 2030- e un segundo que foi o que se fixo público pero ninguén nos dixo quen o fixo. Reuniuse o comité técnico para valoralo? Quen tomou a decisión de cambiar os criterios do comité técnico e por que? Cales foron as causas e os motivos que avalaban o cambio de criterios? Que se pretendía co cambio e por que non se fixo público? Quen tomou estas decisións?” preguntaba Abel Caballero na rolda de prensa deste luns, na que denunciou a “opacidade e escurantismo” do proceso de selección das sedes do Mundial, algo que “veño denunciando desde hai máis dun ano. Non sei se pretendían deixar a Vigo fóra adrede pero podo supoñelo porque na valoración do comité técnico estaba incluído entre as sedes do Mundial”.
En referencia a Rafael Louzán, presidente da Federación Española de Fútbol, esixiulle Caballero que “saia agora mesmo a explicar quen tomou as decisións, como se tomaron, por que se tomaron; reuniron aos comités técnicos? quen se reuniu?. Todo, todo substanciado con actas asinadas telematicamente porque non me fío nada”.
“Xa tería que ter saído esta mañá, explicando que está pasando na Federación á hora de tomar decisións sobre as sedes do Mundial” e reclamou as actas das puntuacións e da clasificación “firmadas por medios telemáticos” para comprobar como e por que realizaron unha segunda valoración técnica excluíndo a Vigo. “Levo reclamando publicidade no proceso desde hai un ano e a contestación é que non están obrigados – a facelo-. Cando se fai un concurso público, saen unhas bases e competimos abertamente e lexitimamente non hai transparencia na forma da valoración?”, cuestionou.
O alcalde felicitou este luns ao periódico El Mundo pola reportaxe que implica “transparencia e claridade e levo case un ano reclamando os datos”. Apuntando que “non cuestiono a decisión”, senón que esixe coñecer “en base a que datos se tomou. Se estaba tan claro, estupendo, pero nunca deron a información, agora parece que xa sabemos por que. Ó mellor alguén quería deixar fóra a Vigo. Porque se non, non ten explicación”.
Cronoloxía dos feitos
Tal e como recolle a publicación, o 25 de xuño de 2024 o equipo avaliador das sedes do Mundial 2030, presidido por Fernando Sanz, elaborou un listado de estadios no que Vigo se situaba como sede do Mundial. O documento foi asinado pero sen facelo público, “polo que o Comité técnico avaliador decidiu que Vigo era sede do Mundial”. Ese documento “non se fai público pero envíase a clasificación ao señor Louzán, que a pedira”, explicou o alcalde.
Facendo unha cronoloxía dos feitos, Abel Caballero explica que o 27 de xuño, dous días despois, o listado cambia e Vigo queda fóra. “48 horas despois de pechar o documento técnico alguén cambia a decisión”. O 5 de xullo de 2024, días despois deste cambio, Louzán fixo unhas declaracións apuntando que as candidaturas de Vigo e Valencia quedaron fóra inicialmente “por unha pequena diferencia. Por que quedou fóra?”.
Adicionalmente a Federación comunícalle o 19 de xullo ao Concello de Vigo, case un mes despois, que “a sede que representa non foi seleccionada para formar parte do dossier da candidatura, gracias polo traballo realizado durante estes dous anos, pola vosa colaboración e dedicación”. “Unha magnífica explicación. Non din nada máis”, apunta o alcalde.
O Concello remite unha carta á Federación pedindo explicacións e esixindo as puntuacións e que se lle dera publicidade aos baremos en base aos cales se toma esta decisión. A resposta federativa chega o 2 de agosto: “Vigo obtuvo en el procedimiento de selección los resultados más bajos en cuanto a la estructura financiera”. Caballero engade que “como é coñecido o Concello de Vigo, o promotor da candidatura ten débeda cero, situación financeira magnífica, remanentes e eu mesmo dixen que eramos quen de afrontar a reforma do estadio, se era preciso, sen axudas”.
“Empezan a dar explicacións que non cadran”, sinala, e sae o vicepresidente da Federación Galega dicindo que a causa da exclusión era “non ter ido da man da Federación galega de fútbol”. O Concello responde alegando que “nas bases da selección ese extremo non aparecía, polo que non vale”. Así, continúa Caballero, “cambiaron a explicación e o criterio: pasaron a dicir que o Estadio de Balaídos é pequeno, que non alcanza o tamaño que reclama a Fifa. E non, como moitos dos seleccionados porque no proxecto está a magnífica proposta de reforma para chegar aos 43.500 espectadores que esixe a Fifa, ampliando a grada de Tribuna e fixémolo público. Criterio falso outra vez”.
Por último, lembra o alcalde de Vigo, o Concello recibiu o pasado 23 de febreiro unha carta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, na que apuntaba un criterio novo: "sentimos que as posibles carencias que puidese ter proposta olívica xunto coa ausencia de influencia do goberno local, non permitisen a Vigo pasar o corte". Ante isto, recalca Caballero “a influencia do goberno nas bases non aparece como baremo. Pedín a súa dimisión porque é unha declaración desde un goberno autonómico intolerable e inadmisible”.