Escoitar

Moito baile para as Noites Vivas

Para este fin de semana as Noites Vivas que organiza a Concellería de Xuventude conta cunha proposta variada de obradoiros, xogos, deportes, cine e moito baile, que se realizarán nas distintas sedes que se atopan espalladas pola cidade .

xoves, 6 nov 2003
1068129517noite.jpg
Noites Vivas
O venres e o sábado os participantes no programa aprenderán a facer marionetas no Castro, ademais dos campionatos de xogos na rede, dardos e xadrez que funcionan periodicamente alí. Tamén haberá un espacio para o xogo na Asociación Xuvenil Cancerbero, unha agrupación que ten o seu local na rúa Heraclio Botana 6 e que dende hai tempo de adedican á organización de partidas de rol e cartas, como é o caso deste venres.

Para quen lle guste o baile, Abertal disporá dun espacio breakdance o venres e no pavillón do Berbés se impartirá danza do ventre, sen esquecer os deportes e un obradoiro de cestería.

Continúan as clases de cociña do mundo no Centro Xuvenil da rúa Uruguai, esta vez con pratos andaluces, completando a oferta coa botica da avoa e as salas de xogos, internet e obradoiros libres. O sábado, ademais do Castro, abren as sedes de Uruguai, para ofrecer o obradoiro de cociña con postre andaluz e un obradoiro de heráldica.

A Asociación Xuvenil Abertal, pon a disposición dos e das usuarias a súas salas de xogos, internet e obradoiros, á vez que realiza obradoiros de figuras e unha proxección de cine.

Agárdanse máis sorpresas para vindeiras fins de semana en cociña e bailes, ademais de novos obradoiros e propostas para o tempo nocturno de lecer.
Descargar todas as imaxes