Escoitar

A Casa das Artes acolle un “gran ciclo” de debate sobre emigración

O alcalde deu conta do desenvolvemento de dúas xornadas de debate – este xoves 18 de abril e o vindeiro 9 de maio- baixo o título “Olladas sobre a emigración galega a Europa”, que contarán con expertos das universidades galegas.

luns, 15 abr 2024

“Queremos que se entenda ese momento histórico e o recordo de tantas xentes que emigraron a Gran Bretaña”, explicou Abel Caballero este luns ao avanzar a celebración deste “gran ciclo sobre a emigración galega” que permitirá “analizar aquel tempo e a experiencia da cultura da emigración”.

O Concello desenvolve “Olladas sobre a emigración galega a Europa”, dúas xornadas de debate arredor da exposición “As xeracións do Montserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido”, que pode visitarse na Casa das Artes ata o 26 de maio, e que recupera o recordo das persoas que emigraron ao país británico na segunda metade do século XX a bordo do barco Montserrat.

No ciclo participarán expertos de alto nivel das universidades galegas. A primeira mesa, que será este xoves, 18 de abril, ás 19 horas na Casa das Artes, coa análise das dinámicas migratorias cara ao Reino Unido e a Europa continental, as experiencias dos galegos e o legado desas migracións ata a época actual. A xornada estará coordinada por Luís Domínguez Castro, catedrático de Historia Contemporánea da Uvigo e contará coa participación de Francisco Durán, Sandra Fernández García e Xaime Varela Sieiro. A segunda mesa abordará a proxección literaria e as representacións desas migracións na cultura galega contemporánea coa coordinación de Dolores Vilavedra Fernández, profesora da USC e coa participación de María Alonso, María Xosé Porteiro e Xavier Queipo.

Non é necesaria a inscrición previa para participar ata que se complete o aforo, que queda limitado a 50 persoas.

 

Descargar todas as imaxes