Caballero: "E moi importante que as nenas sexan conscientes das súas enormes capacidades científicas"
"É moi importante que as nenas se habitúen aos estudos científicos e ás contribucións científicas e que sexan conscientes da súa enorme capacidade". É a mensaxe dirixida este xoves polo alcalde aos alumnos de seis centros de primaria e secundaria de Vigo con motivo da celebración, no Museo Verbum, do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

O rexedor destacou ante os 185 alumnos de distintos centros de Vigo que participaron na celebración, no Verbum, do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia o caso da cientifica viguesa Begoña Vila, que nestes momentos dirixe no telescopio espacial James Webb a fotografía do momento da aparición do universo. "Científica en estado puro, cunha enorme capacidade, e unha muller viguesa. Calquera moza de Vigo pode chegar a ese nivel, co propio coñecemento de estar perfectamente capacitada para levalo adiante", argumentou o rexedor ao sinalar o exemplo da física viguesa que traballa para a NASA.
Abel Caballero incidiu en que as mulleres demostran nas universidades unha gran capacidade de aprendizaxe e desenvolvemento de investigación, " que tamén pode ser de forma moi especial na ciencia".

