Escoitar

O Concello autoriza as catas arqueolóxicas para a saída sur ferroviaria en túnel

Abel Caballero anunciou que o Goberno de España segue adiante coa liña de alta velocidade Vigo-Porto coas sondaxes arqueolóxicas no entorno da estación e rúa México.

xoves, 16 nov 2023

Abel Caballero deu conta da autorización municipal para que o Goberno de España comece a obra da liña de alta velocidade Vigo-Porto, que discorrerá en túnel ao longo de todo o municipio de Vigo.

Deste xeito, tras a adxudicación do Estudo Informativo por parte do Goberno de España, xa se está a traballar no entorno da Praza da Estación e rúa México coas sondaxes e catas arqueolóxicas. Segundo informou o propio alcalde, a solicitude para esta fase rexistrouse o 10 de outubro e autorizouse seis días despois de recibila. “Haberá saída sur ferroviaria para a conexión Vigo-Porto en alta velocidade e será en túnel”, afirmou.

Os traballos que se están a realizar, amais das catas, corresponden coa realización de perfís da tomografía eléctrica e sísmica de refracción, isto é un cableado dotado con xeófonos que miden as propiedades dos solos.

Abel Caballero lamentou as palabras do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que na entrega da Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia a Roberto Verino dixo que “non estamos aquí para falar de temas que están enfocados pero nunca empezados”, en resposta as grandes e necesarias obras que defendeu o rexedor previamente, entre as que sinalou a saída sur ferroviaria de Vigo. “Pois ben, hai obra en marcha”, concluíu o alcalde nas súas declaracións.

Descargar todas as imaxes