Manel Fernández destaca a forza organizativa do Trofeo Concello de Vigo de deportes de mar
Tres das catro vindeiras fins de semana servirán para discutir as e os vencedores do campionato que, do mesmo xeito que o ano pasado, repiten título ibérico, polo que competirán contra rivais portugueses. Conta co patrocinio do Concello de Vigo
O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentou a serie de campionatos programados, acompañado por Manuel Pedro Seoane (Marítimo de Vigo), Alfredo Bea (presidente da Federación Galega de Piragüismo), José Luis Romero (Abanca) e Pablo Louro (Gadis), entre outros representantes de clubs e patrocinadores.
Vela lixeira, piragüismo e vela pesada comprenden o cartel do evento, dentro do paraugas que representa a Semana Abanca de deportes náuticos. Así, o Internacional Concello de Vigo de caiac de mar disputarase na ETEA, “un espazo clásico e privilexiado para este tipo de actividades”, explicou Manel Fernández, mentres que os Láser (clases ILCA 4, 6 e 7), con base en Canido, navegarán no campo de regatas das Illas Cíes e os Cruceiros competirán dende Bouzas polo título galego e, por segundo ano consecutivo, polo de A2 e A3, mobilizando así a uns 60 barcos.
As datas fixadas arrincan este sábado: a fin de semana terá lugar a competición dos Láser, coa previsión duns 120-140 regatistas. O sábado 23 (16:00 horas), cuns 250 padeeiros, o piragüismo en Teis, e o 6 e 7 de outubro chegará o momento da vela pesada. “Estes eventos de mar demostran o empuxe de Vigo”, subliñou Alfredo Bea, mentres Romero apuntaba que a Semana Abanca “cada ano crece máis en probas, participantes, modalidades e impacto”, apuntando que a serie de Vigo “será unha das máis destacadas”.
Ademais do patrocinio do Concello a través da Concellería de Deportes, Manel Fernández felicitou á organización pola súa capacidade para reunir a tantas entidades nesta idea. Club Piragüismo Olívico, Liceo Marítimo de Bouzas e Club Marítimo de Canido apoian ao Marítimo de Vigo para que o evento sexa, un ano máis, un éxito.