O Torneo Cidade de Vigo ACB enfrentará ao Obradoiro e Valencia Basket
Abel Caballero anunciou a disputa dun Trofeo Cidade de Vigo de baloncesto masculino para o 9 de setembro no complexo deportivo municipal das Travesas ás 20 horas. Obradoiro e Valencia Basket son os equipos elixidos.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe a disputa dun Trofeo Cidade de Vigo de baloncesto masculino para o 9 de setembro no complexo deportivo municipal das Travesas ás 20 horas entre o Obradoiro e Valencia Basket. Co patrocinio do Concello, a ACB regresa ao parqué do Pavillón Central tralas últimas experiencias de partidos de alto nivel que a afección viguesa ten visto nestes anos.
A presentación do evento tivo lugar na propia pista central da avenida de Castrelos. Caballero subliñou que “son dous equipos de máximo nivel, extraordinarios” e mostrouse convencido de que “se nos vai a quedar pequeno o pavillón”, polo que explicou que “por iso teremos que facer un máis grande, e niso estamos”.
O encontro xogarase o sábado 9 ás 20:00 horas e as entradas, a prezo de 10 euros (máis gastos de xestión) pódense comprar a través de ataquilla.com. O cadro levantino, eses días sen posibilidade de adestrar no polideportivo Fonte de San Luis, ocupado pola Copa Davis de tenis, fará unha curta xira por Galicia contra o “Obra” e o Breogán. Cos santiagueses, o amigable vigués supón a devolución de visita da súa participación o ano anterior no Trofeo Ciudad de Valencia.
O rexedor estivo acompañado polo presidente obradoirista, Raúl López, o edil de Deportes, Manel Fernández, o presidente da Federación Galega, Julio Bernárdez, e o base arxentino Fernando Zurbriggen, no club compostelán dende 2021. López asegurou que “no momento que me dixeron que había posibilidade de vir puxen en marcha a todo o equipo. Sempre é un incentivo vir a Vigo, sobre todo cun alcalde ao que lle gusta e apoia ao deporte, e sei que lle gustaría ter algún día un equipo na ACB”.
Caballero, ademais de ratificar a calidade do partido, incidiu en que “o que máis me importa é o deporte de base; o de elite é marabilloso e encántame, pero na base son miles de mozos e mozas os que fan deporte”. Para o xefe do goberno local, “o deportista é máis consciente, mellor cidadán, compórtase mellor e aprecia moito a cidade”.
Así, o Obradoiro, tres veces visitante do Central polo Memorial Quino Salvo (2016, 2017 e 2019), xogará contra o Valencia Basket, equipo español de Euroliga que disputou o último memorial en 2021. Será esta a décimo terceira campaña consecutiva dos composteláns na ACB e a primeira que xoguen copas europeas.
Este encontro supón a aposta municipal por dar continuidade cada ano a que a afección viguesa poida presenciar no Central de As Travesas partidos importantes de baloncesto masculino (Liga ACB). Con todo, o alcalde tamén lembrou que “en Vigo temos un equipo feminino na máxima división, o Celta Zorka Recalvi, do que estamos orgullosísimos”.