Ana Mena estará en Castrelos o 15 de agosto dentro da súa xira “Bellodrama Tour”
O goberno municipal inicia a tramitación do expediente de contratación do concerto que a artista malagueña ofrecerá este verán dentro do programa de festas da cidade. Tamén se iniciou o expediente de contratación do espectáculo infantil “La Rayuela”.
O alcalde informou da tramitación do expediente de contratación do concerto de Ana Mena, artista que acumula 44 discos de platino; un disco de diamante e 4 discos de ouro en Europa. Como destacou Abel Caballero “conta con máis de 6 millóns de oíntes mensuais en Spotify e máis de 1.700 millóns de reproducións dos seus vídeos y cancións en Youtube”.
Ana Mena acaba de iniciar a súa xira “Bellodrama Tour” coa que realizará unha parada para interpretar todos os seus éxitos o vindeiro 15 de agosto en Castrelos. Nas últimas semanas encabezou a lista dos discos máis vendidos en España, destacando nas súas producións as mesturas de ritmos urbanos de raíces latinas, así como a colaboración con artistas como Becky G, Belinda ou Abrham Mateo.
Con Ana Mena, o Concello iniciou a tramitación de contratación de 4 concertos en Castrelos, coas actuacións de Andrés Calamaro (8 de xullo); David Bisbal (15 de xullo); Pablo López (24 de xullo) e agora Ana Mena (15 de agosto).
Espectáculo infantil “La Rayuela”
Caballero tamén informou esta mañá que o goberno municipal iniciou a tramitación do expediente de contratación do espectáculo infantil “La Rayuela”, que estará en Castrelos o 26 de xullo.
“La Rayuela” é un espectáculo sobre o xogo infantil máis universal, pola facilidade de xogalo (un simple xiz e unha pedra), xa era coñecido na Grecia clásica co nome de ascolias e na Roma Imperial co de xogo das odres. Mestura tradición e modernidade para transmitir a través do xogo, a capacidade do ser humano para socializar e compartir a necesidade que temos todos de axudar e ser axudados ao longo da nosa vida. Tratan de educar na idea de que co apoio dos que se atopan ao teu ao redor, estes problemas teñen solución. Trátase dun espectáculo divertido e moi participativo que realiza Martina & Os Super Singers.