Escoitar

O Concello inviste 300.000 euros no “asfaltado integral” da Avenida de Europa

Abel Caballero visitou este luns os traballos de humanización da Avenida, que comprende o tramo completo desde Castelao ata Samil. É unha das cincuenta previstas polo goberno municipal no programa que ten en marcha e que acada os 8 millóns de euros.

luns, 20 mar 2023
O alcalde visita a obra xunto aos tenentes de alcalde, María José Caride e Javier Pardo
O alcalde visita a obra xunto aos tenentes de alcalde, María José Caride e Javier Pardo

O alcalde achegouse á zona na que se están acometendo os traballos de asfaltado desta vía e sinalou que o goberno municipal ten en marcha “medio centenar de humanizacións” en tantas outras vías cun orzamento total de arredor de 8 millóns de euros.

Amais, avanzou que en Tomás Alonso, comeza hoxe a renovación do pavimento das beirarrúas ao que seguirá posteriormente, a renovación do firme. Será no tramo comprendido entre Praza da Industria e Bouzas. Na noite do martes ao mércores executarase o o aglomerado da rúa Cervantes, aproveitando o corte nocturno na saída da autoestrada polas obras do Halo.

O Concello prepara tamén a renovación da calzada das seguintes rúas: Nigrán, Cesáreo González, Camiño Valada (Valadares), Avenida do Fragoso, Joaquín Lóriga, Pontevedra (para a que foi preciso autorización de Patrimonio), Zaragoza, Gran Vía entre Urzáiz e María Berdiales, Porriño, Pai Seixas, Atlántida e rúa do Carmen.

Nun breve espazo de tempo comezarán os traballos en rúa Coruña, Marqués de Valladares, Torrecedeira, Zamora, Doutor Carracido, Doutor Cadaval, Avenida Citröen, Rosalía, República Arxentina, Parada (Matamá), Camiño Pinal (Saiáns), Camiño Corredoura (Castrelos), Camiño Cruceiro (Castrelos), Camiño Pinguela (Valadares), Camiño Galindra (Castrelos), Penís (Cabral), Párroco Don Serafín (Teis), Cantabria (Teis), Fonte Escura (Lavadores), Camiño Sabaxáns (Lavadores), Camiño Sampaio de Abaixo (Sampaio), Rúa Parrocha (Bembrive), Camiño Bicada (Candeán), Vista do Mar (San Xoán), Camiño Pousa (Castrelos), Camiño Couto (Beade), Camiño Rioboo (Salgueira), Baixada Salgueira (Salgueira), Fuchiños (Oia), Estrada José Rivas (Coruxo), Camiño Caringosta (Alcabre), San Paio (Navia) e Camiño San Xurxo (Saiáns).

Ascensor HALO

Caballero informou este luns do izado dunha nova peza do ascensor Halo, que se executará este martes. Segundo explicou, quedan catro pezas para completar o anel completo do ascensor pero as dúas últimas poden izarse coa autoestrada aberta, polo que a previsión é recuperar a normalidade do tráfico o vindeiro luns 27 de marzo.

O alcalde visita a obra xunto aos tenentes de alcalde, María José Caride e Javier Pardo
Descargar todas as imaxes