Escoitar

O Concello desviará o tráfico de entrada á cidade cara a zona de Samil

Abel Caballero deu conta do plan de tráfico para os días dous, tres e catro de xaneiro, datas nas que se espera unha gran afluencia de persoas á cidade. “Imos redirixir aos usuarios de fóra da cidade á zona de Samil, onde haberá lanzadeiras de transporte público”, explicou o alcalde. Na fin de semana a ocupación hoteleira de Vigo foi do 85%.

luns, 2 xan 2023

Vigo se prepara para recibir aos Reis Magos e nestas datas, co remate das choivas, a cidade espera unha gran afluencia de persoas. O Concello porá en marcha hoxe ás 18 horas un plan de tráfico co obxectivo de mellorar a mobilidade nos accesos á cidade.

Deste xeito, Abel Caballero deu conta de que os usuarios procedentes de Pontevedra e Baiona terán desvíos pola VG-20 co obxectivo de chegar ata a zona de Samil, poder aparcar e chegar ao centro utilizando o transporte público. A partir das dúas da tarde na AP-9, AG-57 e A-55 haberá avisos aconsellando os desvíos. Para estes últimos, procedentes de O Porriño, serán desviados polo carril de servizo da antiga estación de autobuses para coller Arquitecto Palacios e chegar a Castrelos. O goberno local dobrará os efectivos de Policía Local ata os 42 axentes por xornada.

Turismo

“O Nadal de Vigo é un dos eventos máis importantes de España e comeza a selo en Europa. Persoas de toda España, Galicia e este ano houbo un fenómeno novo, cos nosos amigos de Portugal, que viñeron ao Nadal de Vigo”, expresou o rexedor en rolda de prensa. Os datos amosan o éxito do Nadal, cunha ocupación hoteleira no último fin de semana do ano dun 85%. “Somos o centro de atención no ámbito do turismo”, engadiu.

San Silvestre e Festa de As Travesas

Tras a suspensión da San Silvestre e a Festa de As Travesas por mor da meteoroloxía, o alcalde anunciou hoxe que vai retomar a festa de As Travesas a mediados do mes de marzo, co obxectivo de reactivar a actividade comercial. “Non descarto unhas uvas a mediados de marzo para celebrar a chegada da primavera”, dixo Caballero en rolda de prensa. Tamén se retomará a San Silvestre a mediados do mes de ferebreiro.

Descargar todas as imaxes