Escoitar

Abel Caballero anuncia que os usuarios da PassVigo pagarán 13 céntimos menos no bus urbano a partir do 1 de xaneiro

Os usuarios da PassVigo pasarán de pagar 62 céntimos a 49 a partir do 1 de xaneiro de 2023. A Xunta de Goberno aprobou os novos descontos para todas as persoas que teñan a tarxeta que “está dispoñible para toda a cidadanía e é gratis”. O alcalde cifrou en máis de 40.000 persoas os pensionistas coa PassVigo que viaxan de balde.

venres, 30 dec 2022

O autobús urbano de Vigo volverá a baixar a partir do 1 de xaneiro de 2023. O alcalde deu conta en rolda de prensa das novas tarifas coas que os usuarios da PassVigo verán reducidos os prezos da viaxe no Vitrasa.

Deste xeito, unha persoa coa PassVigo pasará de pagar 62 céntimos a 49, 13 céntimos menos. Os estudantes tamén verán reducido o custe do seu billete en 13 céntimos, pagando a partir do 1 de xaneiro de 2023 47 céntimos por viaxe. Os universitarios viaxarán por 0,37 e os pensionistas seguirán a facelo gratis.

Caballero lembrou que a principios de 2022 un usuario da PassVigo pagaba 89 céntimos por viaxe. Cos descontos aplicados polo Goberno de España a partir de setembro o prezo viuse reducido ata os 62 céntimos e agora a partir de 2023 volverá a baixar ata os 49 céntimos. “Unha baixada importantísima, co billete máis barato de toda a historia da cidade de Vigo”, expresou en rolda de prensa.

O billete ordinario para o resto da cidadanía pasará de 1,40 a 1,49 euros “de acordo ao contrato con Vitrasa”, explicou o rexedor.

Descargar todas as imaxes