Escoitar

O alcalde avanza que Vigo terá este ano “a mellor cabalgata que houbo nunca na cidade”

Durante a visita á montaxe das carrozas que se está desenvolvendo no Ifevi, Abel Caballero lembrou que o vindeiro xoves, 5 de xaneiro, as nenas e nenos terán a oportunidade de gozar de dúas cabalgatas: a estática pola mañá e a tradicional pola tarde.

venres, 30 dec 2022

“As Súas Maxestades van estar nunhas carrozas excepcionais”, apuntou o rexedor, que aventurou “sorpresas” durante a Cabalgata deste ano na cidade.

O Concello ten organizada para a mañá do 5 de xaneiro a cabalgata estática na Avenida de Castelao entre as 11:00 e as 15:00 horas da tarde. Pola tarde, a Cabalgata dinámica comezará entre as 17:30 e as 18:00 horas en función da meteoroloxía, tal e como apuntou o alcalde na rolda de prensa deste venres, con saída desde Praza América pasando por López Mora, Pi i Margall, Paseo de Alfonso, onde os Reis Magos baixarán das carrozas para desprazarse camiñando ata a Porta do Sol. Alí o alcalde entregaralles as chaves da cidade.

Caballero avanzou que este ano Vigo terá “a mellor cabalgata que houbo nunca na cidade”.

Descargar todas as imaxes