Escoitar

O goberno municipal aproba as axudas de emerxencia que seguirán sen ter límite orzamentario

A Xunta de Goberno Local deu luz verde ás bases e convocatoria do Programa contra desafiuzamentos e de emerxencia social e de axudas ao transporte para persoas con discapacidade que verán incrementadas as súas contías.

venres, 30 dec 2022

O alcalde explicou en rolda de prensa que as axudas continúan o vindeiro ano sen ter límite orzamentario: “dedicarase a cantidade de millóns de euros que sexan precisos”, tanto para as axudas de emerxencia e para desafiuzamentos como para o bono taxi”.

O goberno municipal incrementa nun 10% as contías da tarxeta para adquirir alimentos. Deste xeito, para unha persoa pasa de 200 a 275 euros/mes; para dúas persoas pasa de 350 euros a 385 euros/mes; para tres persoas, de 400 a 440 euros/mes; para catro persoas: de 450 a 495 euros/mes e así progresivamente.

No caso das axudas para afrontar o pagamento dos alugueiros, subíronse os limiares máximos ata un 5%. Así, unha persoa pode recibir 420 euros mensuais, dúas persoas 580 euros ao mes, tres persoas 630 euros mensuais e así sucesivamente.

Tal e como informou o rexedor, outra das novidades da convocatoria é o Bono- Taxi para persoas con discapacidade que, dende agora, se inclúe dentro do programa de axudas de emerxencia, o que supoñerá tres vantaxes importantes: a convocatoria estará aberta todo o ano, é dicir, poderase solicitar en calquera momento do ano; en segundo lugar, non hai límite orzamentario polo que damos facilidade e axilidade ao procedemento e, por último, tamén se incorpora nas axudas de emerxencia a liña de subvencións de adaptación e obras en fogares vulnerables: adaptación de baños para persoas maiores ou con discapacidade, obras de reforma para paliar humidades e outras condicións de habitabilidade; compra de electrodomésticos eficientes para fogares con pobreza enerxética, etc. Para este fin tampouco haberá límite orzamentario.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao o convenio entre o Concello e a CIG para o fomento do emprego e o desenvolvemento do programa de servizos de atención cidadá e asesoramento laboral así como xornadas formativas en 2022 por un importe de 37.000 euros. O alcalde explicou que o goberno municipal achega fondos aos tres sindicatos máis representativos na cidade.

Amais, quedou aprobada a licitación do servizo de limpeza dos 52 colexios públicos e escolas públicas municipais do Concello por un valor de 19.420.000 euros por un período de 5 anos. “O Concello paga a limpeza, catro millóns de euros anuais, dos nosos recursos, sendo competencia da Xunta de Galicia, e non o escatimamos porque están moi ben atendidos. O noso esforzo en educación é deste tenor”, incidiu Caballero.

Descargar todas as imaxes