O Pleno aproba 5,2 millóns para as axudas dos libros de texto
O alcalde defendeu a medida extraordinaria pola inflación que están a sufrir as familias e subliñou a importancia da gratuidade na educación obrigatoria, tamén nos libros de texto. O Grupo Socialista e Popular votaron a favor da modificación orzamentaria, Marea de Vigo e BNG en contra.
As familias de Vigo con rapaces e rapazas en idade de escolarización obrigatoria recibirán 205 euros do Concello polo custe dos libros de texto. O Pleno vén de aprobar unha partida orzamentaria de 5,2 millóns de euros que beneficiarán a máis de 26.000 estudantes e 20.000 familias da cidade. Esta medida contou co voto a favor do Grupo Socialista e o Grupo Popular, mentres que o edil non adscrito e o Grupo Mixto votaron en contra.
O alcalde defendeu esta medida louvando que o Estado conte “cunha educación gratuíta e obrigatoria”: “A educación é un motivo de igualdade, e por iso centramos aí a nosa posición e o noso apoio nestes tempos difíciles”. Por outra banda, Abel Caballero criticou que esta acción debería ser financia pola Xunta de Galicia, e non polo goberno local.
Os tres edís que votaron en contra alegaron que esta axuda non sexa distribuída por renda. Os populares concordaron coa medida aínda que lamentaron a tramitación “lenta” da mesma.
Caballero lembrou ao edil non adscrito que o BNG, cando estaba no goberno encabezado polo socialista Emilio Pérez Touriño, tamén adicou cartos aos libros de texto sen preguntar pola renda, e preguntouse cales son os concellos gobernados polo Bloque no que pon a dispor dos seus cidadáns e cidadás unha partida para o pago dos libros de texto. “Ningún”, sentenciou o rexedor. Ao Grupo Mixto explicoulle que “non hai electoralismo, hai unha inflación de máis do 10%”. Ao Grupo Popular preguntoulle “porque non o paga a Xunta” e defendeu que “tramitamos no tempo máis breve, así é a tramitación administrativa”.