Caballero valora positivamente os OXE para Vigo que priorizan os temas ferroviarios e a autovía en túnel a Madrid
O alcalde mantivo unha xuntanza coa secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, que estará en Vigo a próxima semana para anunciar e explicar os avances na liña de alta velocidade Vigo-Ourense por Cerdedo e a saída sur ferroviaria cara a Portugal.
“Son boas noticias para Vigo”, afirmou Abel Caballero logo de estudar as contas preparadas polo Goberno de España para o ano 2023, que presentou a ministra de Facenda, María Jesús Montero, este xoves.
O alcalde louvou que o goberno de Pedro Sánchez poña sobre a mesa os fitos máis importantes para Vigo: A liña de alta velocidade Vigo-Ourense por Cerdedo, a saída sur ferroviaria cara a Portugal e por primeira vez unha partida de 1.615.280 euros para a autovía en túnel da cidade a O Porriño para conectarse con Madrid de xeito directo.
“O Goberno de España garante o AVE directo e confirma que é unha prioridade. Xa chegará o momento na que a legalidade permita facer toda a inversión. Quero lembrar que os gobernos do PP liderados por Fraga e Rajoy deixaron a Vigo sen alta velocidade para ir a Madrid e obrigaron aos cidadáns e cidadás a dar un rodeo de 100km por Santiago”, lamentou.
A saída sur ferroviaria para o futuro Vigo-Porto-Lisboa ten unha partida de 200.000 euros para os próximos dous anos: “Neste momento estamos tan avanzados como Portugal no proxecto da alta velocidade no eixo atlántico. A saída sur é posible porque eu como alcalde cambiei o proxecto, agora o tren entra en túnel e sairá en túnel”
Caballero subliñou un fito histórico no documento do Goberno de España, a autovía Vigo-O Porriño en túnel: “Nunca estivo nuns Orzamentos. É unha realidade irreversible e irrenunciable”, sentenciou. Tamén quixo recordar que o Partido Popular e Feijóo trasladáronlle á ministra de Transportes nunha rolda de prensa “que aforrara os 350 millóns”
Ademais disto, os Orzamentos Xerais do Estado inclúen 100.000 euros para a Biblioteca do Estado, 50.000 euros para o MARCO, 1.000.000 para o Instituto de Investigacións Mariñas na ETEA, entre outras.
Xuntanza con Pardo de Vera
O alcalde avanzou en declaracións aos medios que a próxima semana estará en Vigo a secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, para anunciar os avances en materia ferroviaria, logo de ter rematado o estudo hidroxeolóxico da liña de alta velocidade Vigo-Ourense por Cerdedo e o estudo de alternativas da saída sur ferroviaria de Vigo. Tamén recibirá a Medalla da Cidade outorgada este ano e que non puido recoller por motivos persoais.
“Estou encantado coa xuntanza, son boas noticias para Vigo. Quero que sexa a secretaria de Estado quen anuncie estes avances”, concluíu.