O alcalde celebra o desconto do Goberno que deixa o billete de bus urbano de Vigo en 0,62 céntimos
Abel Caballero recibiu este mércores á ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, que visitou as instalacións de Vialia no día previo á entrada en vigor do decreto de medidas de aforro no transporte e de eficiencia enerxética.
O rexedor agradeceu ao Goberno de España o desconto do 30% nos autobuses urbanos que supoñerá, dixo, un incremento no número de viaxeiros, que permitirá mellorará o tráfico nas cidades e contribuír a reducir as emisións do transporte urbano. Unha rebaixa no transporte urbano que cifrou nuns 100 millóns de euros “absolutamente extraordinaria, que terá un efecto tan notable na economía” dos usuarios, na súa opinión.
No caso de Vigo, Caballero puxo de relevo o funcionamento do desconto a través da PassVigo, que ten 140.000 usuarios na cidade, e coa que os viaxeiros soamente aboarán 0,62 céntimos polo billete normal. O Concello subvenciona o 40% e o Goberno de España un 30% sobre a tarifa de 1,40 euros, o que permite que o billete de estudantes quede en 0,60, o universitario en 0,47 e o social en 0,48 euros mentres os pensionistas 1 e 2 “non pagan nada no bus urbano”. O alcalde criticou que a Xunta de Galicia non achegue nada para o transporte urbano de Vigo.
A ministra de Política Territorial e voceira do Goberno, Isabel Rodríguez, explicou logo da visita as axudas do Goberno de España, que entran en vigor o 1 de setembro, para promover un transporte máis sostible e verde salientando o “gran esforzo” do Goberno de España para que os transportes que dependan do Estado sexan gratuítos tanto en ferrocarril como por estrada.
“A partir de mañá en España os transportes públicos van ser máis públicos”, sinalou, unha medida que é “un sinal de identidade deste goberno” que co seu esforzo quere que as familias españolas “teñan que facer menos esforzo nas súas economías e atender o incremento dos custos da vida”. Amais, referiuse a outras dúas variantes derivadas destas medidas amais do aforro: a contribución a combater o cambio climático e gañar en autonomía e, por tanto, en dependencia do subministro enerxético.“Estamos axudando a concellos e comunidades autónomas para que en estrada os transportes poidan ter axudas do 30%”.
A voceira do Goberno avanzou tamén que o Goberno está traballando para que o traxecto Ourense-Santiago poida incorporarse ao plan de medidas de transporte e que sexa gratuíto e puxo en valor as medidas municipais en favor do transporte urbano e a Vialia como “estación de vangarda” na que se unen o comercio e a intermodalidade dos transportes.
Así mesmo, Isabel Rodríguez celebrou “o entusiasmo co que se acolleu a medida en Vigo”, os datos de onte sinalan que se triplicaron os abonos que se estaban solicitando e a previsión é que cheguen a 16.000 os emitidos de Vigo a A Coruña. Apuntou que as familias aforrarán cos abonos de aquí a decembro 1.400 euros e, se ademais, o traballador ten ao seu cargo 2 fillos con bolsa de estudos, terá unha contribución adicional de 800 euros, polo que situará o seu aforro en 2.200 euros.