O Concello dedica 838.000 euros anuais para apoiar ás familias en difícil situación socioeconómica
A Xunta de Goberno Local deu luz verde á adxudicación da contratación dos servizos do Programa Socio-educativo e de apoio familiar por un importe de 2.515.000 euros por un período de tres anos. “Estamos moi orgullosos de dedicar estas cantidades”, apunta Abel Caballero.
O alcalde informou na rolda de prensa deste venres do orzamento do programa cunha dedicación anual de 838.000 euros, o que supón un incremento de case 100.000 euros respecto ao contrato anterior. O obxectivo é atender as familias en tres ámbitos: menores en situación de risco, a atención socio-familiar en familias que presenten problemáticas non resolubles por elas mesmas e que acepten voluntariamente a intervención deste servizo municipal e a realización dos informes sociais e técnicos que sexan precisos.
“Atendemos unha media de 520 familias en difícil situación socioeconómica”, expuxo, cun global de 232 menores atendidos neste programa no que participan moitas familias monoparentais e co tamén se ofrecen clases de reforzo escolar. É para Caballero unha “parte moi importante da Política Social do Concello, que é amplísima e poderosísima para atender as familias máis vulnerables” cooperando con elas para resolver os seus problemas.
Percorridos medioambientais de outono
A Xunta de Goberno Local aprobou as actividades de sensibilización ambiental “Percorridos ambientais do outono” por un importe de 24.600 euros e nos que poderán participar máis de 1.000 persoas percorrendo espazos de grande riqueza natural en sete rutas: Serra das Greas, Serra da Groba, Serra do Galiñeiro, Serra do Suído e enclaves de especial interese como restos megalíticos, os bosques de ribeira á beira do Oitavén, cantís na costa... Os percorridos desenvólvense nos meses de outubro e novembro de 2022, quedando aprobado tamén o prezo que debe achegar cada participante polo transporte para os desprazamentos fóra do termo municipal: 4 euros os adultos e 2 euros os menores de 12 anos.
Convenio AJE
O Concello deu luz verde tamén ao convenio coa Asociación de Novos Empresarios de Vigo e mancomunidade para axudar ao financiamento dos gastos de alugueiro do seu local social necesario para o desenvolvemento das súas actividades por un importe de 3.600 euros.