Escoitar

Abel Caballero: “O Goberno de España está a facer unha achega financeira sen precedentes aos Concellos”

As Entidades Locais recibirán en 2023 máis de 23.000 millóns de euros. O alcalde expuxo que as comunidades autónomas deben transferir fondos europeos correspondentes aos gobernos locais.

venres, 29 xul 2022

 

O Presidente da FEMP, Abel Caballero, mostrou o seu recoñecemento ao Goberno de España porque, “a través de fórmulas diversas, está a facer ás Entidades Locais unha achega financeira sen precedentes”. Tras participar no serán de onte na Comisión Nacional de Administración Local (CNAL), Caballero detallou que a asignación de fondos europeos, estará ao redor de 20.000 millóns. A isto sumaráselle a posibilidade de utilizar case 13.000 millóns de euros de remanentes; a compensación da liquidación negativa de 2020, cun importe preto dos 3.500 millóns, e o incremento dun 3% nas entregas a conta, totalizan unha cantidade que “non ten precedentes na historia da FEMP”.

Novos Fondos Europeos

No marco da CNAL, o Presidente da FEMP e alcalde de Vigo, expuxo a posible asignación de novos Fondos Europeos aos gobernos locais, tanto para a adaptación climática de edificios públicos municipais, incorporando reformas de acondicionamento que favorezan o aforro enerxético, como para impulsar o transporte con cero emisións. Dende o Goberno van analizar e estudar esta posibilidade como tamén se analizará e estudará a situación dos Concellos en difícil situación financeira, segundo manifestou a Ministra de Facenda. Caballero expuxo tamén que as comunidades autónomas deben transferir fondos europeos aos gobernos locais.

Sobre a achega extraordinaria do Goberno do 30% do custo do transporte público, para que os cidadáns paguen menos e afronten mellor as consecuencias da crise, dende a FEMP propúxose que se considerase destinar algunha axuda aos concellos cando a achega do Estado fose menor do que significa o 30%, “unha proposta que tamén foi moi ben recibida” segundo manifestou Caballero.

Outro dos acordos alcanzados na CNAL foi a creación dun grupo de traballo entre o Ministerio de Facenda e a FEMP para abordar a maneira de compensar a caída nos ingresos dos concellos procedentes do imposto de plusvalías. Segundo subliñou o rexedor vigués a sentenza e posterior reforma deste tributo supuxeron unha diminución recaudatoria de case 800 millóns de euros para os entes municipais. A xuízo de Caballero, a reunión celebrada onte “constata que a actitude deste Goberno cara ás entidades locais é moi boa”. Á volta do verán, anunciou, “imos ter unha nova CNAL”.

1.100 millóns máis que en 2022

Na CNAL informouse á FEMP de que as entregas a conta pola participación das Entidades Locais nos tributos do Estado crecerán en 2023 un 3% respecto ao presente ano; ademais, no próximo exercicio calcularase a liquidación do ano 2021, un segundo ingreso que, unha vez incorporado, fará crecer o financiamento das entidades locais en 2023 un 5%, alcanzando 23.035 millóns, cun aumento de 1.100 millóns sobre 2022, “o maior financiamento da historia” segundo manifestou a Ministra de Facenda, María Jesús Montero.

Por outra banda, a taxa de referencia para os gobernos locais en 2023 é un superávit do 0,1% do PIB, unha décima por baixo da estimada no Programa de Estabilidade, o que representa unha maior marxe de gasto e de investimento, segundo puntualizou a titular de Facenda, que tamén valorou a evolución da débeda das Entidades Locais que, a peche de 2021, ascendía a 22.068 millóns, un importe que equivale ao 1,8% do PIB nacional, por baixo do obxectivo de débeda pública que se fixou para 2021 no 2% do PIB.

CNAL no outono

A Ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, pola súa banda, subliñou que a Comisión Nacional de Administración Local “representa o mellor do noso modelo de convivencia, un foro de diálogo para promover reformas e melloras nas políticas públicas, e representa tamén, o firme compromiso do Estado co municipalismo na toma de decisións. Respectando a autonomía dos Concellos na xestión dos seus asuntos”.

Na próxima CNAL, que se celebrará no outono, está previsto abordar, entre outros asuntos, a execución dos fondos destinados á modernización e dixitalización das entidades locais. Neste sentido anunciou unha nova convocatoria nas próximas semanas para financiar proxectos municipais por importe de 155 millóns de euros para a dixitalización dos municipios con menos de 50.000 habitantes.

Sobre o compromiso municipalista do Goberno, Rodríguez subliñou a “firme vontade” do executivo de que todas as decisións conten coa máxima sensibilidade cara ás administracións locais: “Sensibilidade que se pon de manifesto no seu financiamento, na participación da FEMP na conferencia de Presidentes e en conferencias sectoriais ou na execución dos fondos do Plan de Recuperación”.

Descargar todas as imaxes