Mañá saen á venda as reservas para o concerto das Tanxugueiras
Abel Caballero anunciou en rolda de prensa que a venda de reservas para o concerto de Tanxugueiras do 30 de xullo en Castrelos será mañá xoves 21 de xullo. Ademais sinalou que a primeira quenda de entradas para Love of Lesbian esgotáronse en minutos, aínda que volverán a saír as restantes ás 17:00 horas.

O rexedor vigués confirmou este martes que mañá xoves sairán á venda as reservas para o concerto de Tanxugueiras, para as que se seguirá o mesmo esquema que as de Love os Lesbian. Expediranse 5000 entradas en dúas modalidades de compra simultánea: tanto no tramo das 10:00 como no das 17:00 horas sairán 500 entradas na billeteira de Praza do Rei e 2000 para adquisición online, tendo un máximo de dúas entradas por persoa.
O concerto do trío galego terá lugar o sábado 30 de xullo no auditorio de Castrelos. Un día antes será o concerto de Love of Lesbian, sobre o que o alcalde sinalou que a primeira quenda de reservas online “esgotouse inmediatamente”.
Actuacións do día de onte
Por outra banda, Abel Caballero cualificou de “espectacular” o concerto que realizou o artista canadense Bryan Adams no campo de fútbol de As Travesas. Tamén salientou o “éxito colosal” da primeira das actuacións infantís que acolleu onte Castrelos, Coco Tributo Musical, que congregou ao redor de 15.000 asistentes. Para a próxima semana terá lugar o segundo, co musical O rei da Sabana, o martes 26 ás 20:00 horas.
Festival Folclórico Internacional de Vigo
No día de hoxe dase o pistoletazo de saída do Festival Folclórico Internacional, que arrincará as actividades no Centro Cultural de Beade ás 21:30 horas coa actuación da banda mexicana Fusión Folklórica e coa portorriqueña Guarionex.
O peche do festival producirase o día 25 de xullo no escenario principal do auditorio de Castrelos, no que participará a Banda de Gaitas Xarabal, que arrincará ás 21:00 horas; dando paso ao concerto de Luar na Lubre ás 21:30 horas, coa posterior actuación do grupo vigués Batea.




