Escoitar

O goberno de Vigo asigna 166.000 euros a actividade cultural da cidade

As subvencións municipais, que se rubricarán en sendos convenios, benefician a tres entidades da cidade e xa foron aprobadas pola Xunta de Goberno Local. Segundo explicou Abel Caballero este venres, o Concello apoia con esta contía á Orquestra Vigo 430, á formación clásica xuvenil KV2211 e á Fundación Carlos Casares.

venres, 20 mai 2022
Imaxe da presentación, en xaneiro deste ano, da programación para 2022 da Orquestra Vigo 430, co alcalde no centro, o edil de Cultura (e.), Abel Losada, e o director artístico da formación, Javier Escobar.
Imaxe da presentación, en xaneiro deste ano, da programación para 2022 da Orquestra Vigo 430, co alcalde no centro, o edil de Cultura (e.), Abel Losada, e o director artístico da formación, Javier Escobar.

O alcalde informou en rolda de prensa da decisión, adoptada este xoves na Xunta de Goberno Local, de validar as achegas ás tres asociacións culturais da cidade, que deberán ser formalizadas mediante convenio con cada cal, e que totalizan un importe de 166.000 euros.

Así, o goberno de Vigo transferirá 150.000 euros á Orquestra sinfónica Vigo 430 para costear a práctica totalidade do custo do seu ciclo de concertos de final do pasado ano e da súa programación musical para o presente ano, un total de oito actuacións. A este respecto, o alcalde censurou que a Xunta de Galicia destina “máis dun millón de euros á orquestra sinfónica da Coruña, máis dun millón de euros á orquestra sinfónica de Santiago e cero euros á orquestra sinfónica de Vigo”, polo que concluíu: “De novo, a Xunta de Galicia, marxinando a esta cidade”.

En segundo lugar, o Concello destinará outros 10.000 euros á Asociación KV2211, para que as formacións musicais clásicas infantís e xuvenís que a compoñen ofrezan concertos durante este ano. E por último, Vigo outorga outros 6.000 euros á Fundación Carlos Casares para as súas actividades, entre as que Abel Caballero citou as xornadas “Videoxogo e literatura”, a mostra “Sorrisos por un mundo. Carlos Casares e o humor” e exposicións, accións e guías de apoio aos colexios da cidade.

Educación

En rolda de prensa, Caballero tamén deu conta da adxudicación dos servizos para a xestión da escola infantil municipal de Santa Marta, no Casco Vello, un contrato por catro anos ao que o Concello destinará case 1,2 millóns de euros.

O alcalde recordou que “esta escola vaise trasladar desde a súa localización actual á nova que estamos a facer na zona da Praza da Industria”, xa que o inmoble vaise ver afectado pola urbanización do Barrio do Cura. Segundo recordou, a promotora deberá ceder de balde un novo edificio ao Concello ao efecto, polo que “despois volveremos abrir outra escola infantil” no entorno.

Abel Caballero apuntou que Vigo reserva 2.338.000 euros anuais para o funcionamento das nove escolas infantís municipais, entre as que se atopa a do Casco Vello, ademais abona 205.000 euros á Xunta de Galicia para cofinanciar as de titularidade autonómica. “Non só pagamos as nosas, senón que pagamos 205.000 euros para escolas infantís en Vigo da Xunta de Galicia”, reprobou.

Por último, o primeiro edil de Vigo destacou que, no próximo curso escolar, os nove centros municipais para nenas e nenos de cero a tres anos serán totalmente gratuítas, incluíndo o comedor, cosa que pola contra non sucede nas escolas da Xunta de Galicia.

Descargar todas as imaxes