Escoitar

O Concello oferta 3.478 prazas para os campamentos infantís este verán

O alcalde detallou este xoves en rolda de prensa o programa “Verán Xove 2022” que cun orzamento de 335.900 euros, inclúe actividades de lecer e educativas para as nenas e nenos da cidade co obxectivo de facilitar a conciliación familiar e laboral durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

xoves, 19 mai 2022
O alcalde durante unha visita ao campamento de verán da Etea en 2021
O alcalde durante unha visita ao campamento de verán da Etea en 2021

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves o programa de campamentos urbanos e actividades estivais que ofrece 3.478 prazas este verán para nenas e nenos nacidos entre 2005 e 2018. Son 1.110 prazas máis que o ano 2021, o que supón un incremento do 30%, co fin de “satisfacer toda a demanda existente”, tal e como explicou Abel Caballero.

O orzamento acada neste 2022 os 335.900 euros, 108.000 euros máis que en 2021, máis dun 30% máis de presuposto que a anterior convocatoria. O rexedor contrapuxo a oferta da Xunta de Galicia, que acada as 10.827 prazas en campamentos para toda a comunidade, polo que “para alcanzar a mesma porcentaxe aproximada en Galicia e Vigo terían que sacar 35.000 prazas. En consecuencia, Vigo en termos de poboación multiplica por tresa oferta de campamentos da Xunta de Galicia”.

O prazo de inscrición para solicitar algunha das 3.478 prazas abrirá a próxima semana, logo da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. Tal e como avanzou o rexedor, a data concreta será anunciada con antelación e publicada na web do Concello.

As actividades infantís para este verán 2022 comezan desde a última semana do mes de xuño e rematan na primeira semana de setembro: campamento VigoZoo, Verán en Samil, Verán en Alcabre, Verán bilingüe, Verán en Navia, Verán en Vigosónico, Verán en casa Xuventude, Verán en Coia, Verán mariñeiro en Bouzas, Verán náutico: Etea e Bouzas, Campamento urbano Travesas I e II e Verán no Berbés.

Tal e como sinalou o alcalde, unha vez aberto o período de inscrición a próxima semana, poderán rexistrarse as solicitudes ata o 3 de xuño a través da web veran.xuventudevigo.org. Cada nai/pai/titor poderá realizar só unha solicitude por nena/neno/titorad@, para máis de fillo/a/tutorad@ se os ten, podendo escoller un máximo de 3 actividades por neno, por orde de preferencia. As prazas outorgaranse mediante sorteo público entre todos os números de solicitude admitidos. O sorteo celebrarase o 6 de xuño ás 11:00 horas da mañá. Previamente, o goberno municipal publicará a listaxe definitiva de solicitudes na web veran.xuventudevigo.org. Unha vez adxudicadas as prazas, poderase formalizar a inscrición ata o 10 de xuño de forma telemática e haberá unha segunda oportunidade para as vacantes nunha segunda adxudicación de prazas.

Descargar todas as imaxes