Tanxugueiras actúan en Castrelos o 30 de xullo
A programación de concertos de verán de Vigo suma unha nova cita co concerto do grupo de cantareiras, que recala na cidade coa xira de presentación do seu novo disco “Midas”.

Tanxugueiras soben ao escenario do Auditorio de Castrelos o vindeiro 30 de xullo para ofrecer ao público da cidade o seu directo no que combinan a sonoridade da pandeireta coa electrónica.
O alcalde deu a coñecer a nova cita do cartel de concertos deste verán en Vigo apuntando que o grupo de cantareiras formado por Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olalla Maneiro “non necesita ser presentado”, xa que “foron capaces de alcanzar a notoriedade en toda España cos seus propios méritos e capacidade de cantar”.
Tanxugueiras está a realizar a xira de presentación do seu novo disco, “Midas”, e súmase á programación de verán confirmada xa para o auditorio municipal: Sebastián Yatra o mércores 13 de xullo, Leiva o xoves 4 de agosto, Sting o sábado 6 de agosto e Hombres G o domingo 14 de agosto.