Escoitar

O Concello e a Asociación Española contra o Cancro promoven rutas saudables en Vigo

O goberno local e a Asociación Española contra o cancro únense para evitar o sedentarismo e colaboran na posta en marcha do programa “Rutas saudables”. A presidenta da ONG, Carmen Abeledo, e a concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, presentaron esta mañá unha iniciativa gratuíta a aberta a toda a poboación.

mércores, 6 out 2021

O goberno local e a Asociación Española contra o Cancro presentaron esta mañá o programa “Rutas saudables”, unha iniciativa aberta a toda a poboación para evitar o sedentarismo. A actividade comezará o mércores 20 de outubro, cunha ruta a pé pola cidade de Vigo. A participación é gratuíta, con prazas limitadas para o que é preciso inscrición previa. Estableceranse dous grupos diferentes durante 16 semanas. Unha quenda será os mércores pola mañá -ás 10,00 h -e outro, os xoves pola tarde -ás 16,30h -. Cada grupo contará cun voluntario da Asociación de Vigo para dinamizar e guiar o percorrido.

A AECC ten por obxectivo recalcar a importancia que ten o sedentarismo na vida das persoas, xa que é o culpable do 6% das mortes en todo o mundo e incrementa o risco de padecer cancro de colon e de mana entre un 20 e un 25%.

As persoas interesadas deberán inscribirse previamente no teléfono gratuíto que funciona 24 horas ao día os 365 días do ano da Asociación (900100036) o enviar un email a vigo@contraelcancer.es

Na presentación desta mañá estivo presente a presidenta da Asociación, Carmen Abeledo, a concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, así como outras responsables da ONG.

 

Descargar todas as imaxes